Oito librarías e moitas actividades na Feira do Libro de Foz
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo conta cunha caseta propia na feira, onde poden mercarse as publicacións editadas pola área de Cultura. O deputado de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, participou esta tarde na inauguración na que explicou que «desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaboramos un ano máis coa Federación de Librarías de Galicia na organización desta feira, que dinamizan as vendas das librarías e crean un ambiente propicio para o achegamento á lectura por parte de todos os públicos, con sinaturas de libros e diferentes actividades que dan visibilidade ás obras e as súas autoras e autores».
No acto, coa lectura do pregón a cargo do escritor de Alfoz Lionel Rexes, o responsable provincial convidou a «visitar os postos da feira e pararse tamén no do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo para coñecer a actividade da editorial institucional, centrada fundamentalmente na divulgación do patrimonio, da cultura e da historia das distintas comarcas» e lembrou algúns dos títulos editados nos últimos anos en relación coa comarca como “Navegando a bordo do San Lourenzo”, do focense Antón Niñe, “Viveiro 1810. Augas Mortais”, de Primitivo Marcos ou “Historias máxicas pola Mariña Encantada”, de Antonio Reigosa.
Os libros editados polo Servizo de Publicaciòns poden ollarse na caseta institucional e mercarse nos postos das librarías que participan na feira: Libraría Aguirre, A Gata Tola, Libraría Pedreira, Libraría Bahía, Libraría Aenea, A libraría de Rosa e Nobel Boiro.
Ademais da presenza na Feira, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora na organización das feiras cunha achega de 3.000 euros á Federación Galega de Librarías e co financiamento de actividades para público infantil na propia feira. Neste caso, o espectáculo “A Ramona pequena vai á lúa” de Pakolas (Galaxia), o 20 de agosto ás 19 h.