Don Paco e a memoria da Mariña

O ano Francisco Fernández del Riego está a chegar ao seu ecuador despois de numerosos actos e actividades na honra do autor laurentino co gallo da celebración das Letras Galegas. Foi precisamente Don Paco, xunto con Ferro Couselo e Gómez Román, o impulsor desta festa das nosas letras que cada 17 de maio recolle o “latexo material da actividade intelectual galega”. 

 

A primeira homenaxeada, en 1963, foi Rosalía de Castro, figura fundacional do rexurdir da nosa literatura. Desde ese ano, cada 17 de maio celébranse as Letras Galegas, unha referencia á data de publicación do primeiro libro en galego desta poeta, Cantares Gallegos. Mais, Fernández del Riego non é o primeiro mariñán en recibir tal honor. Antes foron Noriega Varela, natural de Mondoñedo e poeta do “franciscanismo”, das cousas pequenas e humildes; Leiras Pulpeiro, tamén mindoniense ao que se lle dedicaron en 1983; Antón Vilar Ponte, nado en Viveiro e fundador dunha das primeiras Irmandades da Fala; e Álvaro Cunqueiro, un dos grandes narradores da literatura galega. Poderiamos mencionar tamén o caso do veigueño Armando Cotarelo Valledor, homenaxeado no 83 e primeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos. 

 

A biografía de Fernández del Riego ocupa moitas páxinas, mesmo da súa propia obra: desde os seus anos de xuventude na súa Vilanova de Lourenzá natal ata converterse nunha das figuras máis repectadas do galeguismo histórico. Membro do Partido Galeguista, foi tamén un dos fundadores da editorial Galaxia en 1950 e chegou a ser presidente da Real Academia Galega na última etapa da súa vida.  

 

Son moitos os escritos memorialísticos sobre A Mariña, abonda con lembrar dous dos seus pseudónimos (Salvador Lorenzana e Cosme Barreiros) para facérmonos unha idea da importancia que lle concede á comarca onde se criou. Nunha das súas obras autobiográficas, Lourenzá (2004), escribiu sobre a idea da memoria: “En certas ocasións esquecer é doce, pero resulta aventurado. Ó que esquece lévano os paxaros. Nalgunha circunstancia memorar é amargo. Pero nunca inútil, agás nos trances doentíos da idea fixa”. Non só describe Vilanova de Lourenzá: “Resúltame curioso observar a identificación do espírito da vila cos seus habitantes. Antollábaseme que estes viñan ser case as pedras da igrexa, das casas, mentres a vila cobraba por si soia vida de seu. Facíase un ser. Era, en certo xeito, como un ser vello que durmía no val arrodillado de montes, como un can ó sol”. Deixou tamén numerosas referencias aos concellos veciños: “xa no cume do porto da Cadeira, a humilde ermida de San Marcos, centro dunha tradicional romaría. O lugar viña ser un bo miradoiro”, “Trabada estaba ubicada nunha terra de aspecto montañoso, recostelada. Preto dela a ría de Abres deitada a carón do Eo. Na outra banda, as Asturias”, “chegaba ata a Veiga do Eo. Sorprendíame a fala destas terras fronteirizas. O galego contaba alí cun léxico dialectal moi singular”, “outra andadura que gostaba facer, realizábaa polos camiños do interior do concello de Barreiros. Os dous Cabarcos eran San Xiao e San Xusto”, “en Vilamar adoitaba deixar a vía principal…ata a chegada a Cubelas. Nesta reducida aldea facía eu sempre pousada na casa dun familiar. Desde o balcón gorentábame contemplar aló embaixo o vizoso val de Cedofeita. Entre o casarío e os labrantíos tentaba ubicar a Casa Grande da ascendencia paterna”, “sabía que Ribadeo fora cidade histórica. Comezaba a ser turística. O Cantábrico rompía á entrada da ría nas Crebantas escuras. Unha das cousas das que eu máis gostaba era andar polas vellas rúas que baixaban ao porto…”. 


Xa non falta moito para que o pleno da Real Academia Galega se reúna e dea a coñecer o nome do autor que sucederá a Del Riego. Remata o ano en que coñecemos o "camiño andado" por este infatigable loitador, “obreiro da cultura”, que foi nexo de unión entre diferentes xeracións do galeguismo e figura aceptada por todos os seus sectores, desde o máis revolucionario ao máis conservador.