A Xunta realizará na Mariña 40 accións formativas dirixidas a traballadores desempregados
O obxectivo, segundo explicou Arias, é mellorar a empregabilidade dos participantes mediante a súa cualificación para o desempeño de especialidades con demanda no mercado de traballo. A experiencia indica que 7 de cada 10 persoas que participan nestes cursos conseguen unha efectiva inserción laboral.
As axudas diríxense na comarca a oito entidades debidamente acreditadas para impartir formación profesional para o emprego, entre eles tres concellos. Así, o de Burela promove cursos sobre servizos administrativos, atención sociosanitaria e actividades de tempo libre; o do Valadouro, ofrece formación en conservación e mellora de montes e agricultura, e o de Xove en atención sociosanitaria e socorrismo.
A Xunta segue a apostar pola formación flexible e adaptada ás necesidades do alumnado, nas modalidades presencial, a distancia ou mixta. As persoas beneficiarias das accións son desempregadas, afectadas por ERTE, por suspensión de contrato ou con redución de xornada, así como galegas e galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Poden tomar parte —cun tope do 30 % de participación— traballadores en activo, sempre que as prazas non se cubran con desempregados.
Favorécese tamén a participación de colectivos prioritarios como mulleres, vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos, desempregados de longa duración e emigrantes retornados.
Os alumnos e alumnas que o desexen, poderán acceder a estes cursos a través das oficinas de emprego de Galicia; na páxina web: https://emprego.xunta.gal ou mediante solicitude directa ás entidades de formación.
Bolsas de asistencia
O Consello da Xunta vén de autorizar unha nova convocatoria de bolsas de apoio para facilitar a participación de persoas desempregadas nos cursos para o emprego que está a impulsar para o período 2023/2024. O orzamento do programa medra nun 9,3 % con respecto á convocatoria anterior, ata chegar aos máis de 9,3 millóns de euros. Son 800.000 euros máis, destinados a financiar os gastos de desprazamento, manutención, aloxamento e conciliación.
O Goberno galego concederá as bolsas de asistencia a colectivos prioritarios que presentan especiais dificultades para a súa inserción laboral. Así outorgará achegas de 9 euros por día de clase ao alumnado con polo menos o 33 % de discapacidade; a integrantes de familias numerosas ou de carácter monoparental e ás persoas que participen nun itinerario personalizado de inserción. Estas bolsas ascenderán a 10 euros por día para as vítimas da violencia de xénero que tomen parte nas accións (inclúense as vítimas de violencia vicaria ou dixital).
O Goberno galego quere apoiar tamén a asistencia de persoas que teñan ao seu coidado fillas ou fillos, menores de 12 anos en acollida e/ou familiares con dependencia ata o segundo grado, ás cales lles outorgará unha contía igual ao 75 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) diario que estea vixente, para facilitar a súa conciliación.
Como novidade nesta convocatoria, auméntase ata os 20 euros a contía máxima diaria de axuda de transporte en vehículo propio con respecto aos 15 euros da anterior edición (0,19 € quilómetro/día), e igual ca en anteriores ocasións, concederanse achegas para o uso do transporte público urbano ou interurbano (1,5 €/día) e de manutención (12 €/día), se a distancia do domicilio supera os 20 quilómetros; e para aloxamento e manutención de ata 50 euros por día, tanto para domicilios que disten 100 quilómetros ou máis ou nos cales se careza de servizo de transporte que permita o traslado diario.