#UNEDLife: saúde e deporte para un futuro mellor
A UNED de Lugo presentou balance do seu exitoso programa #UNEDLife, que contou con máis de 4000 matrículas e máis de 60.000 visualizacións, agradecendo todas as colaboracións e sinerxías que levaron a cabo ao longo desta iniciativa.
O programa #UNEDLife, desenvolvido ao longo do curso 22-23, enmarcado dentro do proxecto #LugoNaturalMente da UNED de Lugo e incluído na celebración quincuaxésimo aniversario da UNED, ten como principal obxectivo traballar en prol da saúde e benestar, para favorecer unha vida sa e promover o benestar da cidadanía. Ao longo deste curso, deuse visibilidade a diferentes efemérides relacionadas con temas de saúde, deporte conservación do medio ambiente.
Este proxecto, presentado polo reitor da UNED, Ricardo Mairal, contou no seu comité técnico con catro profesionais do ámbito universitario e deportivo lucense: Ana Traseira, directora da UNED de Lugo; Carlos García, xestor de administración da UNED Lugo; Salva Arco, xerente da Fundación Breogán; e Sara Meijide, directora de Neste momento en Radio Lugo SER.
A actividade do proxecto implicou a profesionais da medicina como Juan Carlos G. Juanatey, Luís Pérez do Chairo e Pedro Reimunde; da psicoloxía, como Denís Fernández Valcárcel e Pilar Pavón; da nutrición, como Anxos Novo e Anxos Valero; da investigación, como Cintia Folgueira; da actividade física, como Anxo Pérez (ARF Roberto Cordeiro); da divulgación ambiental, como Patricia Reina e Fernando Gómez; ademais de científicos, como Tony Butt, entre outros; con entidades como a Asociación Española Contra o Cancro, Cruz Vermella, Fundación Breogán, ADEGA, Club Monte Penarubia… Restaurantes como Vos Cachivaches, España, Colón, Canedo e Paprika, deportistas como Erick Quintela, Laura Aliaga, Sara Folgueira, Sergi Quintela, Sara Álvarez, Santi Chao, Xoán Rodríguez; e entidades deportivas como o CB Breogán, o CD Lugo, os CV Emevé e o CB Ensino, entre outros.
O programa contou con catro eixos fundamentais. O primeiro deles, Formación e Benestar da Sociedade Lucense, promoveu a práctica de actividades relacionadas con hábitos saudables. O segundo eixo, Grandes Equipos Lucenses, centrouse na creación do programa piloto “Orgullo de club: CB Breogán”. Doutra banda, o terceiro eixo, ODS: Deporte e Saúde, focalizouse na divulgación dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030 e da súa vinculación coa práctica do deporte e o estilo de vida saudable. Nel incluíronse dúas iniciativas: #PlanetaODSLife, que pretende concienciar da necesidade de vivir dun modo máis sustentable, reforzando o compromiso das administracións e da cidadanía; e Ningún Aro Sen Rede, un proxecto conxunto entre a UNED de Lugo, a fundación Breogán e a empresa Ecoballution, que trata de dar exemplo de economía circular dotando a todos aqueles centros que así o soliciten de redes de baloncesto artesanais, recicladas e sustentables. Finalmente, o cuarto eixo, Outras colaboracións, deu visibilidade a outras actividades relevantes, entre as que destacan UNED Lugo contra o cancro, Sabores Saudables, Sen contaminación por plásticos e As correntes están a cambiar. Catro iniciativas centradas na saúde das persoas e do planeta.
O número de actividades realizadas foron un total de 24 e as persoas matriculadas nas actividades do programa ascenderon a 4.155 matrículas, supondo, respecto ao curso 2021-2022, un incremento do 71% e do 307%, respectivamente. Ademais, o alcance das actividades de cada proxecto ascendeu a máis de 60.000 visualizacións na canle oficial de YouTube da UNED de Lugo, mentres que as actividades amparadas baixo o programa #PlanetaODSLife alcanzaron 6.000 visualizacións, supondo isto 1.300 visualizacións por cada peza e un incremento do 23% con respecto a este programa no curso anterior.
#UNEDLife na Mariña
A UNED de Lugo conmemorou o Día Mundial doTrasplante con un vídeo no que o viveirense Santiago López Chao comparte a súa experiencia como trasplantado do corazón desde hai 21 anos. Hai tan só uns días subiu 26 portos de montaña nos Alpes, un reto deportivo para axudar á cidadanía a concienciarse da importancia de facerse doante de órganos, tecidos e médula ósea.
Con motivo do Día Mundial dos Océanos, a UNED de Lugo tamén realizou unha entrevista ao oceanógrafo físico pola Universidade de Plymouth e surfista Tony Butt, asentado na localidade asturiana de La Caridad. O acto tivo lugar na Praia das Catedrais, unha contorna seleccionada polo seu vínculo co mar e a beleza da súa paisaxe.