"Sentidiño", artigo de opinión de Gonzalo M. Lebredo

Terminou a campaña, terminaron os mitins, descólganse os carteis e volvemos á normalidade das nosas vidas. Quince días de anuncios na televisión e na radio, entrevistas aos candidatos, debates e balbordo nas rúas. Cada quen fixo os seus prognósticos sobre o que pasaría este domingo: analistas, empresas demoscópicas e tamén nós imaxinamos nas conversas con amigos o que ía pasar.


Nesta campaña houbo un feito que me deu que pensar. O lema da campaña do PP era a Galicia que funciona e os do BNG falaban da Galicia que queres. Son dúas actitudes ante a vida: o realismo de avanzar con traballo fronte ao idealismo dos soños e as ilusións.


Recordo un artigo de Rubén Santamarta cando Alfonso Rueda tomou posesión como presidente da Xunta. Nel dicía unha cousa que non pode ser máis certa: a política galega é aburrida e a política española é un circo. Creo que isto ten moito que ver co noso lema de campaña e coa maneira que ten o PP de gobernar Galicia: traballo duro, diálogo coa sociedade civil, calma na maneira de falar e moitísimas ganas de seguir mellorando Galicia.


Galicia é unha illa de estabilidade na que non ten cabida o barullo. Os galegos fixemos gala do noso sentidiño e referendamos este domingo que queremos un goberno que non nos mete en problemas, que non nos da preocupacións e que non alenta a división e a confrontación entre nós. O noso goberno esfórzase en seguir mellorando os servizos públicos, promocionar a economía, baixar os impostos e manter as contas en bo estado financeiro.


Galicia ten catro anos de traballo por diante que estarán cheos de medidas que mellorarán a vida dos galegos. Podemos levar a cabo este programa porque están as contas saneadas e porque son medidas realistas. Esta é a Galicia que funciona, a Galicia que queren os galegos.

*Gonzalo M. Lebredo, vicesecretario de Medio Rural e Demografía das NN.XX. do PP de Galicia.