Na noite de onte, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, "foi pintar a mona" ao programa de humor da TVG que conduce o xovense Roberto Vilar, Land Rober Tunai Show. Rueda, que acabou bailando coa orquestra El Combo Dominicano, prestouse a realizar varios sketches xunto ao popular humorista mariñán e próximo pregoeiro das festas das San Lucas de Mondoñedo.
Nun destes números cómicos, onde o presidente galego tiña que facer de xornalista nunha improvisada "rueda" de prensa, non faltou a referencia á comarca da Mariña: «Aínda non temos nós autoestrada a Viveiro, que me leva desde Santiago dúas horas chegar á casa de meus pais alá a Xove. Somos os únicos que non temos autoestrada, estamos abandonados "de la mano de Dios" alí», dixo Vilar. Rueda, quen afirmou ter visitado Viveiro e Xove, respondeu que «paciencia, que autoestradas estamos a facer moitas». «Pero fágana por aí, non a fagan por outro lado», retrucoulle Roberto Vilar.
Noutro dos sketches, volveu coarse A Mariña, neste caso nun xogo relacionado cunha noticia sobre certas chamadas ao 112 nas que algún usuario propoñía cambiar o horario da praia das Catedrais para visitala. Unha chamada a un número escollido ao azar foi atendida por unha señora chamada María, do municipio sevillano de Alcalá de Guadaíra. Rueda, que se fixo pasar por un teleoperador da Xunta, "ofreceulle" unha viaxe ao areal ribadense co horario de mareas que a muller elixise.