Rueda fala de «acordo histórico» entre Xunta e sindicatos para a mellora do sistema educativo

image_gallery
photo_camera Fotografía: Xunta de Galicia
Subliña que recolle medidas enfocadas a afrontar os retos presentes e futuros na educación e continuar tendo «un dos mellores sistemas públicos de España».

«Temos moitos motivos para presumir da nosa educación pública», defendeu Rueda, quen apuntou a que «o alumnado galego é líder en competencia lectora ou científica, á vez que salientou que se conseguiu baixar a taxa de abandono escolar a mínimo históricos». «Pero non podemos conformarnos», advertiu o presidente galego, quen insistiu no «paso importante dado coa sinatura deste acordo entre Xunta e os representantes das organizacións sindicais CC.OO., Anpe e UGT-SP Ensino que foi levado ao Consello do Goberno galego para a súa ratificación de cara a incluílo nos Orzamentos do vindeiro ano». 

O presidente da Xunta destacou que «o acordo selado hoxe abrangue medidas estruturais do sistema, enfocadas principalmente a unha atención máis excelente e personalizada do alumnado, así como melloras das condicións do profesorado. Para isto, explicou que se pactaron melloras en cuestións como as ratios por aula, a atención á diversidade ou nas condicións laborais do profesorado».

Ratios por aula

Rueda considerou que un dos principais puntos do acordo é a mellora das ratios por aula. «Se queremos unha atención escolar máis personalizada, cómpre baixar o número de alumnos por clase», defendeu. Para iso, fíxase unha redución da ratio en todas as etapas educativas de xeito que na de Infantil e Primaria se pasa dos 25 alumnos/aula actuais aos 20 alumnos/aula. No caso da etapa de ESO, redúcese de 30 a 25 alumnos/aula, e no caso de Bacharelato, de 33 a 30 alumnos/aula.

O presidente precisou que esta redución vaise implantar de xeito progresivo comezando en 4º curso de Educación Infantil a partir do vindeiro 2024-25 e así sucesivamente nos cursos posteriores. Non obstante, «estas ratios xa van ter un efecto inmediato no conxunto do sistema a partir do próximo curso posto que, para efectos de crear ou suprimir unidades, sexan no curso que sexan, xa se van ter en conta as novas ratios», engadiu. 

Do mesmo xeito, apuntou que «todas as aulas de Infantil e Primaria que teñan actualmente entre 20 e 25 alumnos xa non van incrementar o seu número con respecto ao que tiveron o curso anterior». E tamén garantiu que «se oficializa que o alumnado repetidor computará para efectos de ratios, cuestión que xa se estaba aplicando na práctica desde a pandemia».  

Con esta redución de ratios, Galicia sitúase no grupo de cabeza das comunidades autónomas con menos alumnos por aula. Cómpre subliñar que xa contaba cun menor número de alumnos por profesor (9,8 fronte á media de España de 11,4).  

Atención á diversidade

O presidente salientou como outro dos puntos máis destacados do acordo o referido á atención á diversidade, un eido do que, segundo enxalzou, «o Goberno galego se sente orgulloso, xa que asegurou que o sistema educativo público galego é o máis inclusivo de España». 

Canto ás melloras neste eido, anunciou que «os nenos e nenas con necesidades educativas van ter unha consideración específica a efectos de ratios por aula, o que supón consolidar unha mellor integración e atención escolar a estes alumnos».

Froito deste acordo, explicou que «cada alumno e alumna con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 %, ou cun grao I de dependencia acreditada ou cun trastorno grave de conduta acreditada, vai computar por dous a efectos de ratios na aula. No caso de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65 % ou cun grao II ou III de dependencia acreditada computará por tres a efectos de ratios».  

Horario lectivo

Así mesmo, Rueda destacou que «o acordo firmado hoxe cos sindicatos tamén inclúe melloras nas condicións laborais dos docentes, xa que os mestres de Infantil e Primaria verán reducido o seu horario lectivo a partir do próximo curso, pasando de 25 a 23 horas lectivas á semana». «Isto incidirá directamente nunha mellor atención ao alumnado e ademais, desde xeito, Galicia sitúase no grupo de cabeza das comunidades con menos horas», recalcou.  

Ademais, no acordo inclúese un punto específico no que se empraza á negociación dunha nova regulación do horario lectivo da xornada de traballo o persoal funcionario e persoal laboral docente no momento en que se aborde unha xornada de traballo de 35 horas semanais para todo o persoal da Xunta de Galicia.  

Carreira profesional docente

Tamén no que atinxe ao profesorado, o acordo aborda cuestións específicas para a consolidación dunha carreira profesional docente en que se prime a adquisición de competencias e a especialización para afrontar con éxito os retos de futuro en eidos como a innovación tecnolóxica nas aulas, a convivencia e o benestar.  

O presidente explicou que «se establece un incremento de 60 euros mensuais no complemento por desempeño de funcións de goberno tales como dirección, secretaría, xefatura de estudos etc, así como para o persoal que realiza funcións de inspección. Trátase dun aumento lineal que se aboará en tres anos a razón de 20 euros acumulativos cada ano, que beneficiará tamén os responsables de centros pequenos con menos de tres unidades, algo especialmente relevante en zonas rurais, e a xefaturas de residencias, membros dos equipos de orientación específica ou asesores técnicos docentes, entre outros».  

O mandatario galego tamén puxo en valor neste acordo «a aprobación dun incremento mensual do 20 % do complemento específico que o profesorado recibe con base na súa formación permanente. Incentívase, deste xeito, esta práctica de actualización constante de coñecementos e destrezas que repercute nunha mellor atención ao alumnado. Segundo precisou, a suba realizarase ao longo de dous cursos, cun 10 % consecutivo máis en cada un deles». 

Así mesmo indícase que, transcorridos seis anos desde a sinatura do acordo, requirirase que o profesorado teña acadado, como mínimo, o nivel B1 de competencia dixital docente. Para conseguilo, a Xunta comprométese a realizar unha oferta formativa suficiente. 

Tamén se incrementa un 20 % mensual (repartido en dous anos) o complemento específico por desempeño de funcións de titoría; multiplícase por dous o importe das axudas por formación que recibe o profesorado, e regularanse as licenzas de formación non retribuídas. 

O presidente da Xunta salientou que «con todas estas iniciativas de mellora das condicións laborais, o salario dun profesor poderá incrementarse ata un máximo de 2.300 euros anuais sobre o que que percibe a día de hoxe». 

Melloras burocráticas e de conciliación

Rueda explicou que o acordo inclúe, finalmente, «unha serie de medidas complementarias de carácter burocrático e enfocadas tamén á mellora da conciliación. Neste senso, este mesmo curso vaise constituír un grupo de traballo encargado de elaborar un plan de simplificación de tarefas burocráticas nos centros, o que permitirá unha maior dedicación do persoal docente ás tarefas estritamente educativas. Trátase dunha medida que, novamente, está enfocada á mellora da atención que recibe o alumnado». 

Así mesmo, establécese que os órganos de coordinación docente poidan realizar reunións telemáticas, sempre que así o decida o claustro ou o órgano convocante correspondente. Trátase dunha medida de flexibilidade que busca facilitar a conciliación dos traballadores do noso sistema educativo. 

Comentarios