Rocío López, alcaldesa de Lourenzá, nova presidenta da Mancomunidade da Mariña

Entrevista a Rocío López, alcaldesa de Lourenzá
Rocío López, a alcaldesa de Lourenzá, é a nova presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Así o decidiu hoxe a asemblea celebrada esta tarde no Cenima, en Foz.

López tivo palabras de agradecemento «para todos os compañeiros e compañeiras que depositaron a súa confianza en min e que me elixiron para ser a presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña. Asumo este cargo con moita felicidade e sobre todo coa responsabilidade e o compromiso de traballar para o conxunto da Mariña. Síntome en condicións de poder ser útil e achegar cousas positivas para a Mancomunidade. Despois de oito anos gobernando unha dase conta de cales son as dificultades coas que hai que lidar no día a día, e adoitan ser moi similares en todos os Concellos da Mariña».


A rexedora de Lourenzá dixo crer firmemente na Mancomunidade «tamén como un instrumento de axuda aos Concellos porque a experiencia me di que hai moitas cousas difíciles de sacar adiante individualmente, pero de xeito conxunto son máis fáciles de abordar, se optimizas servizos consegues aforrar custos. Desde hoxe poñereime a disposición de todos os Concellos porque creo firmemente en que o camiño correcto é ir todos da man, deixando de lado as cores políticas, creo nas persoas e nos feitos porque todos buscamos un interese común que é o ben para a comarca. Iso xa se veu demostrando ao longo destes anos xa que cada vez que son máis as cousas que se aproban por unanimidade e creo que iso é de celebrar».


Rocío López tivo palabras de recoñecemento para o seu antecesor: «quero felicitar enormemente a Fran Cajoto por todo o traballo que desenvolveu ó longo destes anos, porque foi moito e moi proveitoso para o conxunto da comarca. Tomo o seu relevo sendo consciente dese legado que me deixa, deses grandes proxectos que iniciou e aos que eu debo dar continuidade, poñerei sen dúbida todo o meu empeño para culminar todos e cada un dos proxectos. As accións do Plan de Sustantabilidade Turística serán un dos eixos principais nos que seguir traballando para que todos eses proxectos sexan unha realidade».

Comentarios