Queremos Galego convida a manifestarse en defensa da lingua galega

Foto
Desde A Mariña haberá autobuses para ir á manifestación do 17 de maio a Santiago de Compostela.

Membros da plataforma cidadá Queremos Galego da Mariña presentaron en Foz, diante do emblemático mural de Celso Emilio Ferreiro, a convocatoria de manifestación do 17 de maio, ás 12:00h na alameda de Santiago de Compostela en defensa da lingua galega baixo o lema: 'Galego vivo, Galiza viva'.

En setembro de 2024 faranse 20 anos da aprobación por unanimidade parlamentar do Plan Xeral de Normalización da lingua galega. Elaborado coa participación de máis de 1000 persoas de todos os ámbitos, con 400 accións e medidas concretas en cada un deles, «non só non se desenvolveu senón que se produciron importantes retrocesos», explican. 

Entre as súas reivindicacións en diversos ámbitos destacan a necesidade «dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo; que garanta a competencia no noso idioma permitindo a incorporación de novos falantes e o coñecemento da nosa realidade fronte ao actual modelo desgaleguizador; que, como reclama a Iniciativa Xabarín, garanta a oferta en versión orixinal ou lexendada e cumprimento dos mínimos que estabelece a lei para menores de 12 anos; que o galego estea vivo na administración, nos servizos públicos, na sanidade, na xustiza, nas relacións e información comercial, onde a atención inicial en galego —oferta positiva— que indicaba o PXNLG debe ser garantida incluíndo a disposición da lingua nas xestións telefónicas, telemáticas ou presenciais; e tamén en todos os seus espazos e lugares, a que de novo pretenden borrar e perseguir coa permisividade dos gobernos central e autonómico».

«É hora dos gobernos asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a comezar pola Xunta de Galiza, e acompañar á sociedade que actúa e se mobiliza  día a día para termos o galego vivo, Galiza viva», subliñan. 

Indican, ademais, que desde a Mariña haberá autobuses para ir á manifestación do 17 de maio a Santiago de Compostela. Para reservar praza, as persoas interesadas poderán anotarse nos teléfonos 982 581 861 e 982 140 654.

Comentarios