O PP pide á Deputación a creación dun Plan provincial de apoio aos Concellos para a xestión do ciclo da auga

Plan ciclo auga
O grupo provincial popular propón que o plan sexa deseñado da man cos alcaldes e alcaldesas e que inclúa un equipo de traballo para asesoramento técnico e xurídico; ademais de apoio económico para o que, segundo o PP, «será preciso reservar unha partida orzamentaria de, polo menos, 3 millóns de euros por ano, unha cantidade razoable para afrontar un problema que van ter os Concellos nos próximos anos». 

Tendo en conta que «o abastecemento de auga vai ser un dos problemas aos que se teñan que enfrontar os Concellos nos vindeiros anos» e que «unha das competencias propias da Deputación é a de cooperar cos Concellos pequenos para garantir a prestación de servizos municipais», o grupo provincial popular pide á Deputación de Lugo un plan de apoio técnico, xurídico e económico aos Concellos pequenos para a xestión do ciclo da auga que conte, para o seu deseño, coa «participación dos alcaldes e alcaldesas que son os que mellor coñecen as necesidades de cada municipio. É preciso crear un equipo de traballo que poida asesorar aos para garantir o acceso e a calidade da auga», sentencia o portavoz, Antonio Ameijide.

O popular condenou durante unha visita a Foz que «o goberno provincial do que forma parte o propio alcalde socialista mirase cara outro lado ante os gravísimos problemas para garantir o abastecemento domiciliario de auga potable este verán no municipio». Acompañado polo voceiro municipal, Javier Castiñeira, lembraron «os numerosos prexuízos que causou aos veciños e negocios, entre as que se atopan os establecementos de hostalería especialmente afectados por non dispoñer de auga potable en plena temporada alta durante semanas».

Os populares inciden en que «a Deputación debe estar para algo máis que pagar as carreiras políticas dos socialistas» e lembran que «unha das súas funcións propias é a de colaborar cos Concellos á hora de garantir a prestación dun servizo básico como é o abastecemento de auga».

Polo tanto, piden implicación ao goberno provincial ante «os problemas de escaseza de auga que se están a dar nos últimos anos nalgúns Concellos da provincia durante os meses máis secos»  e o esforzo que supón para as arcas municipais ter que dirixir cantidades importantes para garantir e manter tanto a captación, coma o abastecemento e, incluso, o tratamento tanto da auga dirixida ao consumo humano e animal coma das augas residuais. Máis especialmente en Concellos onde ven incrementada exponencialmente a súa poboación durante os meses de verán.

Os deputados do PP lembran que «ducias de Deputacións en toda España (Sevilla, A Coruña, Cidade Real, Pontevedra, Castellón, Alicante, Toledo, Ávila, Granada...) están tomando cartas no asunto e axudando aos municipios de menos de 20.000 habitantes con axudas que van desde investimentos directos no abastecemento ou saneamento, axudas á dixitalización, convenios de colaboración, asesoramento na xestión do ciclo da auga ou mesmo, en certos casos, ata asumir desde a propia Deputación a xestión directa do ciclo da auga». 

Comentarios