Os populares da Mariña unen forzas para esixir ao Ministerio de Transportes que finalice «na maior brevidade as obras no socavón da vergoña na N- 42, unha infraestrutura clave para esta comarca. Non hai avances a un ritmo razoable nin o Ministerio ten concretado unha data na que podería estar restablecida a normalidade na vía». Consideran que «é un insulto para A Mariña e pedimos aos alcaldes do PSOE que se unan á nosa reivindicación».
Desde o PP condenan que «o Goberno de Pedro Sánchez non lle dea a esta obra a prioridade que merece para garantir a recuperación da circulación no conxunto desta estrada en condicións de normalidade, vialidade e seguridade» e piden «axilidade tendo en conta que levan oito meses en obras obrigando aos usuarios a circular por un desvío provisional á altura do acceso a Burela desde Foz que está a ocasionar moitas incomodidades e prexuízos, en especial a veciños e transportistas».
«A reparación da fochanca e a posterior reposición da estrada presentouse desde o Ministerio como unha actuación de emerxencia, pero a realidade é que durante o verán e nas últimas semanas as obras están practicamente paradas ou cun ritmo extremadamente lento», engaden.
VISITA “SOBRE O TERREO” DE CARGOS POPULARES
Para visualizar a súa protesta os populares da Mariña visitaron a zona afectada —á altura da praia da Areoura— cunha ampla delegación encabezada pola presidenta provincial e deputada, Elena Candia, e o coordinador do PP lucense e voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular no Parlamento galego, José Manuel Balseiro; ademais de alcaldes e portavoces que avanzaron unha ofensiva nas distintas institucións, incluída a presentación de iniciativas en todos os concellos da comarca.
De feito, este mesmo mércores debaterase na Comisión de Infraestruturas do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para que o Goberno de España acometa os traballos pendentes no treito afectado polo socavón. Unha iniciativa similar xa foi obxecto de debate o pasado xoves no pleno do Concello de Burela, a instancias do Grupo Municipal Popular resultando aprobada por unanimidade, cos votos a favor de todos os grupos da corporación local.
UNHA VÍA SEN ALTERNATIVA
Os populares aseguran que o socavón non só «sacou a relucir os deficientes labores de mantemento e conservación que está a facer o Ministerio nas estradas estatais, senón que tamén evidenciou as carencias en materia de infraestruturas desta comarca». Nese sentido, lembran que «a N-642 é a principal vía da Mariña e carece dun itinerario alternativo como quedou demostrado cando se produciu este socavón e se intentou desviar o tráfico».
Así mesmo, precisaron que «se lle debe ao Goberno de Pedro Sánchez a paralización da autovía A-74 entre A Espiñeira (Foz) e Castelo (Cervo), un proxecto que só existe no papel e que desde Moncloa teñen esquecido desde o punto de vista administrativo e orzamentario».
«Esta situación non é allea ao que está a ocorrer no resto de Galicia e da provincia coas as infraestruturas que dependen do Estado: con Pedro Sánchez, Galicia perde sempre», conclúen.