O peixe e mariscos galegos conquistan novos mercados

As empresas galegas apostan cada vez máis por expandirse internacionalmente, destacando a calidade dos seus produtos en eventos globais. Esta estratexia, apoiada pola Consellería do Mar, impulsa a internacionalización, o incremento de ingresos, e a promoción de hábitos saudables entre os consumidores.

As empresas galegas miran cada vez máis cara o exterior co obxectivo de ampliar a súa rede de clientes e impulsar os seus prezos á vez que mostran a calidade dos seus produtos en eventos nacionais e internacionais. Neste aspecto teñen unha importante experiencia as firmas do complexo mar-industria galego, que desde hai anos amosan os seus produtos no exterior para pechar novas vías de negocio e dar a coñecer a súa excelencia en países de todo o mundo.

As principais empresas do mar de Galicia acoden cada ano a distintas feiras nacionais e internacionais que lles permiten darse a coñecer a compradores de mercados emerxentes e potenciar a demanda de peixe e marisco galego, aportándolle máis valor engadido.

Moitas destas entidades acoden a eses eventos da man da Consellería do Mar mediante distintas fórmulas e outras participan pola súa conta. Ao abeiro dos postos da Xunta de Galicia, distintas firmas do mar da comunidade participaron no que vai de ano en feiras de países como Estados Unidos (a Seafood Expo North América de Boston), Xapón (Foodex Japan), Emiratos Árabes Unidos (Dubai) ou Alemaña (Seafood International Bremen).

A estes certames engádense outros de ámbito nacional como Salimat Abanca de Silleda, o Salón Gourmets de Madrid, a Seafood Expo Global de Barcelona, Expomar Burela ou o Fórum Gastronómica da Coruña.

A Consellería do Mar salienta que a participación neste tipo de certames contribúe a que o sector avance na súa internacionalización e a aumentar os seus ingresos, o que axuda a xerar emprego e riqueza na súa contorna. Ao mesmo tempo, estas accións de promoción potencian o consumo dos produtos pesqueiros, un hábito saudable que repercute na calidade de vida dos consumidores polas súas achegas nutritivas e o seu baixo aporte calórico.

 

Estas feiras supoñen un punto de encontro no caso de clientes xa consolidados e son o escaparate perfecto para mostrar os avances e tendencias nas distintas ramas de actividade do sector, o que axuda a captar clientes e á asimilación de novas ideas de traballo de cara ao futuro.

De feito, a asistencia a estes eventos de promoción nacional e internacional dos produtos alimentarios semella dar os seus froitos pois as exportacións galegas de produtos do mar no 2023 foron de preto de 2.800 millóns de euros, marcando así un novo récord malia o complexo contexto internacional marcado polos conflitos en Ucraína e Gaza, o encarecemento da enerxía e das materias primas ademais da escalada inflacionista.

Máis fondos

A participación da Xunta neste certames é demandada polas propias empresas galegas do complexo mar-industria galego unha vez comprobado que a presenza neles dá bos resultados tanto cualitativos como cuantitativos. Iso é o que fixo que o Goberno galego pasase en pouco máis dunha década de participar en arredor dunha decena de feiras ao ano a roldar ou superar a quincena nalgúns exercicios.

De feito, a Consellería do Mar reforzou este ano a internacionalización dos produtos pesqueiros galegos nas principais feiras internacionais cunha inversión de 4,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 30% respecto ao 2023. Ademais, a estratexia do Goberno autonómico neste ámbito inclúe a colaboración mediante convenios con outras entidades como Anfaco-Cecopesca, Clusaga, Conxemar ou a Fundación Nova Pescanova para fortalecer as accións de promoción do consumo. Deste xeito, o Goberno galego acompaña ás empresas da comunidade e garante a súa presenza nos principais eventos sectoriais para promocionar a calidade dos produtos do mar de Galicia e impulsar a conquista de novos mercados.

De feito, a industria galega ve na promoción a mellor garantía de continuidade e futuro para a súa actividade pois a presenza nestes encontros nacionais e internacionais axuda a incrementar as vendas e favorece o desenvolvemento socioeconómico da comunidade contribuíndo ao mesmo tempo a unha pesca sustentable.

GALICIA SABE AMAR

A comunidade participa nestas feiras no marco da campaña GALICIA SABE AMAR, posta en marcha en 2021 e que ten como obxectivo poñer en valor os produtos do mar e ao mesmo tempo agradecer o esforzo realizado polos pescadores galegos para poñer a disposición dos consumidores múltiples alimentos da máxima calidade.

A esta campaña más xenérica impulsada pola Xunta de Galicia engádense outras específicas de produto, tanto do sector como da Administración, nas que se poñen en valor recursos como a pescada, o bonito do norte, a centola, o polbo, os mariscos ou o mexillón, entre outros moitos. Nesa promoción tamén se inclúen os produtos elaborados, como son as conservas ou conxelados, que contan con importantes campañas para impulsar o seu consumo e os seus prezos.

Con todo este traballo, Galicia aspira a que os profesionais do mar conten con mellores ingresos e que a actividade poida perpetuarse no futuro facéndose atractiva para as novas xeracións. A finalidade é que a xente nova vexa que o sector marítimo-pesqueiro é unha boa opción profesional e que a comunidade manteña o seu papel de referente español e europeo na produción e comercialización de produtos do mar.

Unha opción saudable

Esas campañas de promoción para impulsar os prezos dos produtos do mar inciden en que consumir este tipo de alimentos é un dos mellores investimentos que se poden facer como sociedade, ao contribuír a mellorar a saúde e aforrar en gasto sanitario ao tempo que se fomenta a sustentabilidade e a economía, especialmente a local.

Ao adquirir peixes e mariscos frescos ou calquera dos produtos transformados ou acuícolas desta proteína mariña non só se están fomentando uns mellores hábitos de vida senón tamén o traballo de todas aquelas mulleres e homes que cada día saen ao mar para que este nutritivo recurso no falte en ningunha mesa.

Este xesto apoia aos profesionais dun sector que en Galicia conta cun gran peso dado que o 91% das actividades económicas da comunidade están relacionadas coa pesca e a cadea mar-industria. De feito, as exportacións galegas de produtos do mar pecharon o ano pasado cunha facturación de preto dos 2.800 millóns de euros.

As máis de 60 lonxas galegas poxan unha gran variedade de peixes, mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos que poñen a disposición do consumidor un gran abano de posibilidades para levar ao seu fogar cada día e poder cumprir coas recomendacións sanitarias de consumir, como mínimo, tres ou catro racións desta proteína á semana.

E os galegos predican co exemplo pois a dieta atlántica ten no peixe un dos seus grandes piares, o que contribúe á lonxevidade dos seus cidadáns. De feito, Galicia ostenta o segundo posto en poboación con maior esperanza de vida de España.

Fonte de Omega-3, vitaminas D e B, ferro, potasio, iodo, calcio…, os peixes e mariscos son alimentos con importantes valores nutricionais e cunha pegada de carbono das máis baixas entre os produtos que hai dispoñibles no mercado.

Por iso o consumidor actual atopa no sector extractivo e a industria transformadora a confianza necesaria á hora de obter un produto de calidade, respectuoso coa súa contorna e, á súa vez, xerador dun gran número de empregos. Só a cadea mar-industria galega dá traballo directamente a 50.000 persoas.