Galicia concedeu preto de 2.400 axudas en catro anos para corrixir impactos paisaxísiticos
A Xunta de Galicia concedeu nos últimos catro anos un total de 2.374 axudas a Concellos e a particulares por importe de preto de 9,6 millóns de euros para a corrección de impactos paisaxísticos, que supoñen a mobilización dun investimento global de 14 millóns de euros.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático salienta que se trata «dunhas achegas que cada vez teñen maior demanda e que permiten mellorar o estado tanto de inmobles propiedade de particulares como de edificios, equipamentos e outras instalacións de titularidade municipal». De feito, as axudas aprobadas desde 2021 «xa chegaron a un total de 283 dos 313 municipios galegos, máis do 90% do total».
Na convocatoria deste ano aprobáronse 50 axudas a Concellos —para 64 actuacións— e 346 a particulares, ata esgotarse os 2 millóns de euros orzamentados, dos que un millón era para as entidades locais e outro millón para os particulares. Estes apoios, que cobren ata o 70% do orzamento subvencionable permiten avanzar na corrección de impactos paisaxísticos e de aposta polo fermosismo promovidas polo Executivo galego.
As achegas a Concellos están dirixidas a aqueles de menos de 20.000 habitantes e poden beneficiarse de dúas liñas de axudas, podendo chegar a un importe máximo de 40.000 euros (20.000 euros por liña). A primeira das modalidades é para renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais; e a segunda para mellorar o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos.
Os apoios a particulares son para intervencións en fachadas, cubertas e muros de peche e na convocatoria deste ano introduciuse como novidade a posibilidade de financiar a retirada de elementos adxacentes que prexudiquen a imaxe ou causen algún impacto nos bens nos que se pretende intervir.
O exemplo de Trazo
Un exemplo da boa utilización destes fondos é o municipio coruñés de Trazo, que recibiu nestas catro convocatorias axudas por importe de preto de 140.000 euros para un total de 38 actuacións. É o caso dunha vivenda da parroquia de Vilouchada, que se beneficiou dunha achega de 3.000 euros en 2021 para a renovación da súa cuberta con tella do país.
A maiores, ao abeiro da convocatoria deste ano para concellos, o Goberno local ten aprobadas dúas actuacións que suman unha axuda total de máis de 26.000 euros. A primeira delas consiste na mellora do estado do Centro Social de Oa, na parroquia de Xavestre; e a outra permitirá recuperar e acondicionar o lavadoiro de Irexe, na parroquia de Chaián.