Nadal, deporte e saúde centran a promoción dos produtos do mar na campaña ‘GALICIA SABE AMAR’ na recta final do ano

Foto 2
A campaña busca promover o consumo de peixes, mariscos e conservas nos fogares, destacando a sua importancia para a saúde e a calidade de vida, especialmente nestas datas. Os mercados festivos, torneos e carreiras pasan a ser protagonistas dunha promoción que chegou a máis de 400 municipios galegos e do resto de España.

A campaña GALICIA SABE AMAR da Consellería do Mar encarou a recta final de 2023 centrando o seu esforzo na promoción dos mellores sabores dos produtos do mar da comunidade ao longo de toda a xeografía galega. As súas foodtrucks encamiñaron as rutas a destinos con actividades estreitamente vinculadas con estas datas festivas, como son os mercados de Nadal e tamén distintos eventos deportivos que, repartidos por toda a autonomía, sitúan á saúde e a unha sa competencia como a perfecta antesala a un dos principais propósitos de ano novo, que volve a ser o coidado da saúde e onde a alimentación xoga un papel determinante.

Foto 1

Así, despois de superar os 400 municipios recorridos por toda Galicia e boa parte de España, conquistando o padal de máis de 400.000 persoas cos seus petiscos a base de peixes, mariscos e conservas, a exitosa campaña dirixiuse cara a citas relacionadas co Nadal ou acontecementos deportivos que teñen lugar nestes últimos días do ano. Desde Xinzo de Limia, onde se celebrou o campionato provincial federado de campo a través Cross Antioquía, ao partido de Copa do Rei do C. D. Lugo co C. D. Mirandés celebrado no estadio Anxo Carro da cidade da Muralla, onde gañaron os lucenses para pasar a enfrontarse no Día de Reis, o 6 de xaneiro, ao Atlético de Madrid.

O obxectivo da Xunta de Galicia volve a ser poñer en valor os produtos pesqueiros e o traballo dos profesionais do mar pois contribúen á garantir unha alimentación fundamental para a saúde e a mellorar a calidade de vida das persoas consumidoras. Outras citas deportivas e relacionadas co Nadal levaron ás foodtrucks a Celanova, Tui, Campo Lameiro, Boimorto, O Barqueiro, Ferrol ou Pontedeume.

Entre os destinos que se sumaron a GALICIA SABE AMAR están un Lalín totalmente embarcado nestas festas e Porto do Son, onde foron moitos os atletas que correron ataviados con gorros e outras prendas do Nadal na súa xa tradicional carreira Sin-Son 10 K. Entre outros destinos programados das gastronetas vinculados ás celebracións de advento figuran Mesía (A Coruña), Mos (Pontevedra), Xove (Lugo) ou Marín (Pontevedra), e xusto antes do día 25 de decembro acontecementos deportivos como a VIII Run Foz Run Nadal (Lugo), o Trofeo de Nadal Atletismo Barbanza en A Pobra do Caramiñal (A Coruña) e a XII Carreira e Andaina Popular do Nadal de A Rúa (Ourense).

Á I Marcha Interxeneracional San Silvestre de Ribadeo súmanse ao I Torneo Solidario de Fútbol sala do Concello de Touro, o Callo Fest de San Ciprián (Cervo), o mercado de Nadal de Muimenta (Lugo) e tamén as probas deportivas de San Silvestre de Muros, Fene e Castrelo de Miño, xunto coas XVIII Carreira de Fin de Ano 10 kms de Ares. Todos eles se converten en lugares idóneos para promover os produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura galegas, básicos para gozar dunha mellor saúde, pois estes alimentos son fundamentais para todas as idades, das xeracións máis novas ás máis veteranas, e tamén para as persoas máis activas e deportistas como as sedentarias.

As propiedades gastronómicas e nutricionais dos alimentos pesqueiros están máis que probadas e forman parte dunha dieta atlántica que é sinónimo dun modo de vida equilibrado e saudable que contribúe á lonxevidade dos seus cidadáns. Galicia ostenta o segundo posto en poboación con maior esperanza de vida de España. Fonte de Omega-3, vitaminas D e B, ferro, potasio, iodo, calcio…, os peixes e mariscos son alimentos con importantes valores nutricionais e cunha pegada de carbono das máis baixas entre os produtos que hai dispoñibles no mercado.

A Xunta de Galicia seguirá a promover que se consuman máis peixes, mariscos e conservas entre todos os galegos e tamén fóra da comunidade, aumentando a presenza das empresas do sector en feiras e salóns alimentarios onde o mar de Galicia e xa sinónimo da máis alta calidade. Ás campañas más xenéricas impulsadas pola Xunta engádense outras específicas de produto, tanto do sector como da Administración, nas que se poñen en valor recursos como a pescada, o bonito do norte, a centola, o polbo, os mariscos ou o mexillón, entre outros moitos.

Foto 3

Con todo este traballo, Galicia aspira a que os profesionais do mar conten con mellores ingresos e que a actividade poida perpetuarse no futuro facéndose atractiva para as novas xeracións. A finalidade é que a xente nova vexa que o sector marítimo-pesqueiro é unha boa opción profesional e que a comunidade manteña o seu papel de referente español e europeo na produción e comercialización de produtos do mar.

Impulso económico

As campañas de promoción para impulsar os prezos dos produtos do mar inciden en que consumir este tipo de alimentos é un dos mellores investimentos que se poden facer como sociedade, ao contribuír a mellorar a saúde e aforrar en gasto sanitario ao tempo que se fomenta a sustentabilidade e a economía, especialmente a local.

Ao adquirir peixes e mariscos frescos ou calquera dos produtos transformados ou acuícolas desta proteína mariña non só se están fomentando uns mellores hábitos de vida senón tamén o traballo de todas aquelas mulleres e homes que cada día saen ao mar para que este nutritivo recurso no falte en ningunha mesa.

Este xesto apoia aos profesionais dun sector que en Galicia conta cun gran peso dado que o 91% das actividades económicas da comunidade están relacionadas coa pesca e a cadea mar-industria. De feito, as exportacións galegas de produtos do mar superaron o ano pasado os 2.700 millóns de euros, a cifra máis alta na historia.

As máis de 60 lonxas galegas poxan unha gran variedade de peixes, mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos que poñen a disposición do consumidor un gran abano de posibilidades para levar ao seu fogar cada día e poder cumprir coas recomendacións sanitarias de consumir, como mínimo, tres ou catro racións desta proteína á semana. Como resultado de todas estas accións, as cotizacións nas lonxas galegas encadearon varios máximos históricos nos últimos anos. En 2022 o prezo medio acadou os 3,26 euros o quilo, unha cifra un 30% superior á media da serie histórica, que se remonta ao ano 2002. O aumento nos ingresos e na rendibilidade da actividade permitiu amortecer as dificultades económicas derivadas da guerra en Ucraína e da inflación.

Foto 4

Por iso o consumidor actual atopa no sector extractivo e a industria transformadora a confianza necesaria á hora de obter un produto de calidade, respectuoso coa súa contorna e, á súa vez, xerador dun gran número de empregos. Só a cadea mar-industria galega dá traballo directamente a 40.000 persoas.

Comentarios