A Mancomunidade da Mariña presenta a campaña "Que non che entre o pánico co orgánico"

Fran Cajoto en la presentación de la campaña "Que non che entre o pánico co orgánico
A Mancomunidade de Concellos da Mariña lucense continúa coa súa actividade á marxe da promoción turística da comarca, a súa principal actividade. E vén de presentar a campaña "Que non che entre o pánico co orgánico". 

Ao abeiro dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental a agrupación dos 16 concellos mariñaos foi quen de realizar unha diagnose completa da recollida de lixo na comarca. O presidente da Mancomunidade e alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica que «estamos a falar de 16 concellos, 1660 km2 de territorio e máis de 72 mil habitantes. Con case 39 mil euros do Fondo de Compensación Ambiental fíxose un mapa detallado da recollida de residuos na comarca, fotografando a totalidade dos contedores  —tamén no rural— e creando un mapa con todos eles». E subliña: «é un mapa interactivo: premendo en cada punto coñecemos o número de contedores, o volume de cada un e incluso aparece unha fotografía do punto de recollida. É unha cantidade de datos moi importante».


Partindo deses datos, a empresa Gis Galicia elaborou un estudo para o tratamento óptimo dos residuos orgánicos en toda a comarca: «do estudo resulta que a forma óptima de xestionar os orgánicos nas parroquias é a través de composteiros individuais nos propios domicilios. Nas zonas densamente poboadas e nos puntos de máis xeración como restaurantes e bares óptase pola implantación de contedores marróns», sinala Fran Cajoto, presidente da Mancomunidade ata este xoves, 5 de outubro. E engade: «este estudo e o custo de recollida derivado está a disposición de todos Concellos. A Mancomunidade ofrécese a xestionar de forma conxunta o contrato de recollida do contedor marrón, se ben é certo que cada Concello ten as súas propias características e a decisión corresponde a cada municipio. Agora temos a información e podemos traballar cunha base sólida».

Froito dunha subvención de Fondos Europeos Next Generation xestionados a través da Consellería de Medio Ambiente de case 197 mil euros —dos cales a Mancomunidade aporta algo máis do 10%— a agrupación de Concellos xestionou a compra conxunta de contedores de 800 e 360 litros, máis de 150.000 bolsas e case 2.000 caldeiros. Ademais, con cargo a esta subvención creouse a campaña "Non entres en pánico co orgánico", que xa está a ser promovida en distintos Concellos da comarca. Fran Cajoto indica que «o propio lema —que está moi ben levado—  persigue concienciar á poboación de reducir o volume de lixo, separar correctamente e reciclar a materia orgánica. Contamos cunha guía completa de como facer compostaxe se dispoñemos de vivenda unifamiliar e tamén de material para informar de que residuos se deben depositar no contedor marrón. Foi un traballo intenso, agradezo aos técnicos o seu esforzo porque pagou a pena». 

Comentarios