Máis de 1.200 persoas viaxarán co programa "Coñece a túa provincia"
A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, e o Deputado de Participación Cidadá, Iván Castro Díaz, foron os encargados de dar a benvida ás primeiras entidades participantes desta nova quenda de viaxes: a asociación de veciños San Cristovo de Mouricios, de Chantada, e a asociación cultural e de veciños Fumiña-Paraxes, da Pastoriza. Os chantandinos visitaron o Pazo de San Marcos e achegáronse ao municipio de Cervo, mentres que o colectivo pastoricense coñeceu o traballo que se realiza na Granxa Gayoso Castro, e os municipios de Sober e Monforte de Lemos.
O Coñece a túa provincia vai xa pola súa terceira edición, dividida en dúas quendas. A primeira desenvolveuse durante a primavera, entre os meses de marzo e xuño, e contou con 1.800 viaxeiros de 90 asociacións. Agora arranca a segunda, que se prolonga ata principios de novembro, e están anotadas máis de 1.230 persoas de 55 entidades.
A Deputación continúa con este programa gratuíto ante o enorme éxito que obtivo, pois ata o momento xa desfrutaron destas viaxes un total de 6.800 persoas de 310 colectivos da provincia de Lugo. A iniciativa está dirixida a asociacións e colectivos sen ánimo de lucro de toda a provincia e consiste en viaxes gratuítas, en pequenos grupos, dunha xornada de duración por diferentes puntos da xeografía lucense seguindo diversas rutas polo patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico.
A institución provincial puxo en marcha este programa no anterior mandato co obxectivo de que a veciñanza da provincia coñeza mellor toda a riqueza patrimonial das distintas comarcas lucenses e dinamizar desta forma a economía local, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio. Ademais, promóvese a actividade en meses nos que os negocios e recursos turísticos teñen menos fluxo de visitantes, o que dinamiza este sector tan importante para a economía dunha boa parte dos municipios da provincia de Lugo.
O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.