A Lei de Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que empregan os recursos naturais de Galicia comeza a ser unha realidade. A normativa, presentada no Parlamento galego pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ten como obxectivo que a cidadanía galega poida beneficiarse do aproveitamento dos seus recursos naturais.
Da riqueza natural á riqueza social
Con esta nova lei, que previsiblemente entrará en vigor no ultimo semestre do ano, os promotores dos proxectos adquirirán un compromiso adicional para xerar un impacto socioeconómico positivo no territorio e na cidadanía galega á vez que cumpren todas as garantías ambientais. Deste xeito, preténdese reindustrializar Galicia cara á descarbonización, á autonomía enerxética, á neutralidade climática e á sustentabilidade; «pero coa garantía de que a nosa sociedade se vexa beneficiada deses proxectos».
Así, por unha banda, as iniciativas de competencia autonómica deberán incluír eses beneficios económicos e sociais no interior da avaliación do seu impacto ambiental. E, no caso de non ser preceptiva esta avaliación, a Xunta esixirá aos promotores un estudo de impacto social e económico do proxecto para a súa autorización. De igual modo, terase en conta a promoción de novos investimentos e, especialmente, de reinvestimento dos beneficios obtidos; así como a creación e o mantemento de emprego feminino, cualificado, directo e indirecto.
Aproveitamento sostible e autonomía enerxética
Con todo, a normativa impón un aproveitamento que se basee no desenvolvemento racional e sustentable do territorio galego con todas as garantías ambientais. A conselleira de Industria puxo como exemplo o modelo de países nórdicos como Suecia, Finlandia ou Noruega, que son «líderes da revolución industrial verde», pero tamén «referentes mundiais no coidado da natureza». Do mesmo xeito, esta nova lexislación tamén aposta por «converter Galicia nunha potencia dun aproveitamento de recursos naturais que sexa ordenado, garantista e sostible».
A redución da dependencia e dos custos da enerxía para as familias galegas e das industrias locais tamén é outra das prioridades desta Lei de Recursos Naturais, que inclúe, por exemplo, unha regulación específica para facilitar o autoconsumo nas áreas empresariais de forma que se favoreza a implantación de infraestruturas enerxéticas. Ademais, establece un canon á eólica mariña para compensar as súas afeccións na zona e regúlase un mercado voluntario de carbono para monetizar a súa redución e captación, xa que serán susceptibles de obter unha contraprestación económica.
Participación pública
A Xunta participará en proxectos como referencia para o resto de participantes, por exemplo, a través da Sociedade Recursos de Galicia (RDG) que se está a converter nun potencial aliado para os axentes que operan no sector dos recursos naturais, pero tamén como solución para fogares e industrias. A Administración tamén participará nun fondo con achegas públicas e privadas que financiarán actuacións de recuperación de zonas afectadas por incendios de incidencia singular.
Tras o rexeitamento no Parlamento das emendas á totalidade, a conselleira de Economía e Industria amósase aberta ao consenso para construír unha «lei de país». Con este paso adiante, Galicia «liderará o aproveitamento dos recursos naturais e situarase na vangarda de Europa á hora de rendibilizar a descarbonización e o abaratamento da enerxía». Todo isto nunha normativa que, afirman, «continúa protexendo o medio ambiente e, por primeira vez, garante que o aproveitamento dos recursos eleve a calidade de vida da cidadanía galega».