Galicia, sabores de excelencia e calidade auténtica

Productos de Calidade de Galicia.

Galicia é o epicentro de até 37 selos de Denominación de Orixe ou Indicación Geográfica Protexida, un verdadeiro atestado de calidade. Dende carnes a lácteos, produtos do campo e do mar, os tesouros gastronómicos da nosa comunidade son recoñecidos pola súa excelencia.

Galicia pode presumir de contar con ata 37 selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida. Son experiencias de calidade ás que hai que engadirlles tamén outras producións de excelencia, como son as derivadas das razas autóctonas de Galicia, o selo Galega 100%, que ampara o leite galego de calidade certificada e o selo pescadeRías, que ampara os peixes e mariscos procedentes da frota artesanal na nosa comunidade autónoma.

Por iso, Galicia non se entende sen a súa gastronomía e, de feito, esta constitúe un dos principais atractivos da súa ampla oferta turística. Así, os visitantes acoden a Galicia atraídos, entre outras cousas, polos seus manxares, sendo esta unha das grandes motivacións para a súa viaxe.

Estas producións do mar e do campo galego víronse potenciadas nos últimos anos de forma cualitativa e cuantitativa grazas á dinamización dos coñecidos como produtos de calidade. Son recursos alimentarios que constitúen unha das mellores ferramentas das que dispón o medio rural desta comunidade para asegurar o seu futuro, emprender novas vías de desenvolvemento e, incluso, reinventarse.

Coa posta en valor dos produtos de calidade, a través das denominacións de orixe protexidas (DOP) e das indicacións xeográficas protexidas (IXP), os produtos galegos alcanzaron unha nova dimensión, máis competitiva no mercado, atractiva para o consumidor e con todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade, como mostra do seu especial coidado no proceso de produción e comercialización. Unha realidade que se busca consolidar coa futura Lei da calidade alimentaria de Galicia, para -grazas ás producións con distintivo de calidade- avanzar no desenvolvemento rural, na creación de emprego e na diversidade produtiva.

EXPERIENCIAS DE CALIDADE

Carnes

As carnes de Galicia sempre gozaron de prestixio e recoñecemento. No caso do vacún, existe o selo de calidade Ternera Gallega, a indicación xeográfica máis importante no sector cárnico español, que conta tamén coa diferenciación da marca Ternera Gallega Suprema. A protección destas producións viuse potenciada coa Indicación Xeográfica Protexida Vaca gallega e Buey gallego. Esta IXP naceu en 2017 para protexer e amparar o sector e ofrecer un produto tan relevante como a carne de vacún maior, garantindo a súa orixe e calidade.

O sector cárnico de porcino galego de calidade ten o seu recoñecemento coa IXP Lacón Gallego e, no ámbito avícola, convén recordar a incorporación aos selos de calidade do tan coñecido Capón de Vilalba.

A maiores, hai que lembrar tamén a extraordinaria calidade dos produtos derivados das razas autóctonas gandeiras de Galicia, razas de gando vacún (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa), ovino (Ovella Galega), cabrún (Cabra Galega), aviar (Galiña de Mos), equino (Cabalo de Pura Raza Galega) e porcino (Porco Celta).


Lácteos

Un dos puntos fortes de Galicia é o relacionado coa produción láctea. Hai que destacar, en primeiro lugar, a existencia dun indicativo que certifica o leite galego de calidade diferenciada, trátase de “Galega 100%”, un selo que garante a excelencia do produto e que ten como orixe explotacións da comunidade autónoma.

Este selo promociónase ao longo do ano a través de distintos eventos, relacionados fundamentalmente coa gastronomía e co deporte, co fin de incentivar o consumo de leite e de produtos lácteos galegos de calidade entre a poboación, tendo en conta os seus indubidables beneficios para a saúde.

Galicia destaca tamen pola calidade dos seus queixos, con catro denominacións de orixe protexidas (Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Tetilla e San Simón da Costa). Cada un ten a súa propia personalidade, pero todos coinciden en ofrecer ao consumidor un produto feito co máximo esmero e a partir dunha materia prima –o leite galego– de gran calidade.

Horta

Tamén merece especial recoñecemento a calidade dos pementos que se producen en Galicia, os de Herbón, O Couto, Oímbra, Arnoia e Mougán. Amparados baixo un selo dunha denominación de orixe, no caso do primeiro, e de indicacións xeográficas protexidas nos restantes.

Os Grelos de Galicia son outro dos produtos da horta galega con calidade amparada por un indicativo específico, coa vista posta nunha maior proxección fóra da comunidade autónoma. Pódense atopar no mercado en varios formatos (fresco, conxelado ou en conserva), o que supón un importante número de consumidores potenciais.

As castañas, as patacas ou o mel producidos en Galicia tamén contan cun recoñecemento especial pola súa calidade. En canto á Castaña, a zona de orixe deste produto abarca a maior parte do territorio de montaña, mentres que no caso do Mel de Galicia, a súa área de produción esténdese por toda a autonomía. A apicultura constitúe ademais un elemento importante da etnografía en Galicia.

A IXP Pataca de Galicia ampara outra referencia da despensa galega, que pode producirse en calquera punto da comunidade.

Pola súa parte, a Faba de Lourenzá ou o Pan de Cea, entre outros, asocian o nome da súa zona de produción ao do produto. Ademais, o Pan Galego, o Pan de Cea, xunto coa Tarta de Santiago, son os tres produtos galegos do sector de panadería e pastelería que contan con distintivo de calidade.

A Agricultura Ecolóxica –unha denominación que, a diferencia das demais, non ten carácter xeográfico– é outro indicativo de calidade que rexistrou un gran desenvolvemento nos últimos anos en Galicia. Trátase dun sistema de produción de alimentos baseado nun escrupuloso respecto ao medio ambiente, ao benestar animal e ao mantemento e mellora da fertilidade do solo.

Produtos do mar

A Administración galega promociona os produtos do mar galegos con campañas como GALICIA SABE AMAR, que se puxo en marcha en 2021 tamén co fin de render homenaxe e apoiar o gran labor que realizan os profesionais dos distintos elos da cadea mar-industria de Galicia. Ao longo deste ano puxéronse en marcha catro foodtrucks que levaron por toda a xeografía galega e parte do resto de España petiscos especialmente deseñados para levar o mellor sabor das rías galegas dos que xa disfrutaron máis de 350.000 persoas. Esta iniciativa engloba outras accións dirixidas aos escolares ou á xeración millennial.

Ademais, Galicia conta coa marca pescadeRías ¿de onde se non?, un selo de identidade para a promoción e defensa dos peixes e mariscos procedentes da frota artesanal, modelo de pesca sustentable, cunha fama de variedade e calidade que traspasa as nosas fronteiras. Esta marca xurdiu coa idea de que os produtos do mar procedentes da frota artesanal poidan ser claramente diferenciados, dentro da variada oferta que presenta un mercado cada vez máis globalizado e cunha ampla diversidade de produtos. Nesta liña, desenvolve accións divulgativas nas prazas de abastos de toda Galicia para dar a coñecer aquelas especies menos coñecidas polos consumidores. Hoxe este distintivo é unha garantía de frescura, calidade e respecto medioambiental.

Dentro das DOP galegas tamén se atopa unha vencellada co mar, Mexillón de Galicia, que certifica o mexillón producido, transformado e elaborado en Galicia, o auténtico mexillón das rías galegas. Esta exclusividade está regulada na lexislación europea sobre denominacións de orixe protexidas e trátase, ademais, dun produto sometido a un rigoroso control que certifica a súa orixe e garante a súa calidade.

Viños e augardentes

Galicia conta con cinco denominacións de orixe de viño (Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei). Cada unha cunha personalidade ben definida, pero todas cun denominador común: a calidade e a vinculación moi directa co territorio. Cabe tamén destacar os viños con indicación xeográfica (tamén coñecidos como Viños da Terra), dos que contamos con cinco: Barbanza e Iria, Betanzos, Val do Miño-Ourense, Ribeiras do Morrazo e Terras do Navia, recentemente aprobada pola Comisión Europea.

A comunidade autónoma destaca tamén pola riqueza e variedade das súas bebidas espirituosas. As indicacións xeográficas das augardentes e dos licores tradicionais de Galicia protexen tanto a augardente, a augardente de herbas, como o licor de herbas e o licor café, bebidas todas elas que forman parte inseparable do imaxinario colectivo desta terra.

Artesanía Alimentaria

Por outra banda, a Xunta puxo en marcha a marca Artesanía Alimentaria, para poñer en valor os produtos agrarios e pesqueiros que se elaboran de forma tradicional, así como para protexer os seus produtores. Trátase dunha novidosa regulación que especifica o que é unha produción artesanal para evitar que se empregue de forma inadecuada este termo ou outros similares como “caseiro” ou “feito na casa”.

Así, os procesos de elaboración deben ser tradicionais, a presentación dos produtos debe ser singular para mostrar a súa calidade diferenciada e ten que respectarse en todo momento a norma técnica aprobada para cada tipo de produción.

Distinguense un total de 16 grupos de produtos entre os que están os lácteos, os cárnicos, os produtos da pesca e da acuicultura, viños, licores, sidra, cervexa e produtos de panadería e confeitería, entre outros.