Galicia investirá máis de 23,5M€ para reforzar a seguridade viaria en 130 treitos ao longo da rede de estradas autonómicas

O obxectivo é avanzar na “Visión 0”, o principio do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2022-2025 que busca un horizonte sen vítimas de accidentes a longo prazo.

O Consello da Xunta deulle hoxe luz verde á Estratexia de actuación en Treitos de Concentración de Accidentes e Treitos de Alto Potencial de Mellora en vías autonómicas para o período 2024-2027. Estas intervencións serán cofinanciadas nun 60% con Fondos Feder, para o que a Xunta xa dispón dunha destas liñas de financiamento asignada. 


Así pois, o Goberno galego está a traballar para poder comezar este ano a execución de actuacións consideradas menores e avanzar na contratación da redacción dos proxectos que requiren dunha tramitación máis longa, de modo que se desenvolvan as obras nesta lexislatura. O obxectivo, indican, é continuar incrementando a seguridade viaria nas estradas autonómicas, na liña marcada polo Plan de Seguriddade Viaria de Galicia 2022-2025, que establece como principio a "Visión 0", é dicir, buscar un horizonte no que non haxa vítimas de accidentes de tráfico a longo prazo. 

Eliminación de Treitos de Concentración de Accidentes


No marco da Estratexia hoxe autorizada, o Goberno galego tamén prevé destinar un investimento de preto de 6,5M€ a actuacións de mellora da seguridade en 21 treitos de concentración de accidentes que se estenden ao longo de 33,7 km de estradas. Unha vez identificados estes intervalos, nos que se producen máis sinistros, deseñaranse actuacións eficaces para reducir as vítimas de accidentes, como reformas de interseccións, calmados de tráfico ou melloras de pasos de peóns, entre outras accións. 


Estas intervencións daranlle continuidade ás executadas na primeira Estratexia, que entre os anos 2016 e 2020 permitiu reducir a sinistralidade nun 60% nos treitos nos que se actuou. Así mesmo, cómpre lembrar que na primeira Estratexia de eliminación de treitos de concentración de accidentes se interveu en 52 “puntos negros”, mobilizando un investimento de 14,4M€. En concreto, reformáronse 119 interseccións viarias, construíronse 24 novas rotondas e melloráronse 138 pasos de peóns.



Estradas que perdoan


Por outra banda, para o período 2024-2027 tamén se programan obras en 109 treitos de alto potencial de mellora que se desenvolven ao longo de 480,41 km de vías autonómicas, para o que se dirixirá un orzamento de máis de 17,2M€. Trátase aquí da eliminación de obstáculos nas vías autonómicas co fin de conseguir “estradas que perdoen” os erros que poidan cometer os condutores e dar unha segunda oportunidade de volver á calzada.


As obras previstas para acadar este obxectivo engloban melloras do firme, optimización da sinalización e o balizamento, mellora dos sistemas de contención, reforzo da iluminación en pasos de peóns, mellora do trazado e interseccións ou acondicionamento de marxes.