Galicia exporta os seus produtos do mar e conquista mercados internacionais

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participa no acto de presentación dos Foros gastronómicos GALICIA SABE AMAR para a promoción dos produtos do mar.
Campañas como GALICIA SABE AMAR e a participación en feiras nacionais e internacionais axudan a impulsar as exportacións, que alcanzaron récords en 2023, situando a Galicia no posto 15 mundial en ventas de produtos de pesca.

Os produtos do mar de Galicia están a demostrar que son auténticos viaxeiros grazas a que tanto a Administración galega como as empresas da comunidade apostan por mostrar as súas bondades máis aló das súas fronteiras. Esta estratexia -iniciada hai xa máis dunha década e desenvolvida con actualizacións e adaptacións constantes ás demandas dos consumidores- contribúe a poñer en valor a calidade dos peixes e mariscos galegos en todas as súas versións -frescos, conxelados, en conserva ou noutras presentacións- e o labor dos profesionais do mar que se encargan de capturalos e preparalos para a súa venda.


Este labor -realizado mediante a execución de campañas de promoción como GALICIA SABE AMAR e coa participación en feiras de alimentación nacionais e internacionais- ten contribuído a impulsar as exportacións de produtos do mar galegos ata cotas nunca antes vistas. Nos últimos anos as vendas galegas ao exterior de peixes e mariscos en distintas presentacións marcou récords. En 2023 Galicia situouse no posto 15 mundial en ventas externas de produtos de pesca, con máis de 608.000 toneladas por valor de 2.787 millóns de euros.


Concretamente, o pasado exercicio saíron da comunidade autónoma o 56% dos que produtos que vendeu España ao estranxeiro, xerando o 52% do valor; o que representa un 2,94% máis que en 2022 e supera nun 15,76% as de 2021. Asemade, mellorou o volume de negocio nun 0,65% respecto ao ano anterior e un 2,5 comparándoo co de 2021.


Este fito produciuse malia as dificultades económicas globais derivadas da guerra en Ucraína, do encarecemento da enerxía e das materias primas e da escalada inflacionista que levou aparellada.


Nestes resultados é clave a dilatada experiencia e traxectoria das empresas galegas da cadea mar-industria á hora de participar en distintas feiras para dar a coñecer os seus produtos, abrir novas vías de negocio e chegar a máis mercados. A estes encontros sectoriais acoden ben en solitario -no caso das empresas máis grandes- ben da man da Consellería do Mar, que está a participar cada ano en preto dunha vintena de certames nacionais e internacionais a petición do propio sector, que ve na presenza nestes foros unha oportunidade para impulsar a súa actividade e as relacións comerciais con todo o mundo.


Nesta liña, a Xunta de Galicia xa estivo ou vai estar presente en importantes feiras internacionais como Gulfood Dubai, Foodex Japan, a Seafood Expo North America, Tutto Food Milán, a Summer Fancy Food Show de Nova York, a Seafood Expo Asia, Expomar Cabo Verde ou Anuga Colonia. A elas engádense outras nacionais como a Aquafuture Spain de Silleda, o Salón Gourmets de Madrid, a Seafood Expo Global de Barcelona, Expomar Burela, Salimat Abanca en Silleda, Conxemar Vigo, San Sebastián Gastronómika, Xantar Ourense ou Gastrónoma Valencia.

GALICIA SABE AMAR

A comunidade participa nestas feiras no marco da campaña GALICIA SABE AMAR, posta en marcha en 2021 e que ten como obxectivo poñer en valor os produtos do mar e ao mesmo tempo agradecer o esforzo realizado polos pescadores galegos para poñer a disposición dos consumidores múltiples alimentos da máxima calidade.

Esta estratexia ampla -que engloba outras accións puntuais dirixidas aos escolares ou á xeración millennial- deu continuidade á iniciativa posta en marcha en 2020 coincidindo coa alerta sanitaria polo coronavirus Compra produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco, que pretendía agradecer o esforzo realizado pola frota malia dificultades. Neses meses o sector pesqueiro, que foi declarado esencial, seguiu faenando malia que en moitas ocasións non lle era rendible para subministrar alimentos de calidade á cidadanía.


A estas campañas más xenéricas impulsadas pola Xunta de Galicia engádense outras específicas de produto, tanto do sector como da Administración, nas que se poñen en valor recursos como a pescada, o bonito do norte, a centola, o polbo, os mariscos ou o mexillón, entre outros moitos. Nesa promoción tamén se inclúen os produtos elaborados, como son as conservas ou conxelados, que contan con importantes campañas para impulsar o seu consumo e os seus prezos.


Con todo este traballo, Galicia aspira a que os profesionais do mar conten con mellores ingresos e que a actividade poida manterse no futuro facéndose atractiva para as novas xeracións. A finalidade é que a xente nova vexa que o sector marítimo pesqueiro é unha boa opción profesional e que a comunidade manteña o seu papel de referente español e europeo na produción e comercialización de produtos do mar.


Novidades dende 2023

A campaña GALICIA SABE AMAR deu un paso máis en 2023 ao botarse á estrada para percorrer mediante catro foodtrucks distintos concellos de Galicia polos que pasan diferentes rutas do Camiño de Santiago. Neles as catro furgonetas ofrecen petiscos elaborados a base de produtos certificados do mar de Galicia para poñer en valor a súa versatilidade e calidade animando así a veciños e visitantes a mercalos e consumilos.


Esta peregrinación polo territorio nacional comezou en febreiro de 2023 en Galicia, seguiu despois por outras comunidades e agora xa está de volta en terras galegas. Neste tempo as foodtrucks de GALICIA SABE AMAR achegaron as súas elaboracións a 35.000 persoas e a 376 concellos, sumando un total de máis de 6.000 quilómetros percorridos. En 2024 e 2025 a previsión é ofrecer 1.400 degustacións.

A campaña ofrece un total de 10 pinchos diferentes elaborados a base de produtos certificados do mar -como os amparados polo selo pescadeRías, berberecho de Noia, bonito do norte ou mexillón de Galicia- xunto a outros produtos da terra con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou Denominación de Orixe Protexida (DOP) como as fabas de Lourenzá, mel de Galicia, pementos de Arnoia e Herbón, queixos de Arzúa-Ulloa ou do Cebreiro, pan de Cea ou as patacas.


Toda a información sobre as rutas destas catro furgonetas pode consultarse na páxina web https://galiciasabeamar.gal/ ou nas redes da Consellería do Mar, onde se actualiza a información sobre os distintos percorridos, horarios e posibles cambios de última hora.

Resultados


A estratexia deseñada por Galicia para promocionar os produtos do mar e elevar tanto o seu consumo como os seus prezos parece dar froitos pois as cotizacións nas lonxas galegas encadearon varios máximos históricos nos últimos anos.


Desta forma o sector marítimo-pesqueiro galego avanza no seu obxectivo de obter maiores ingresos polos produtos e mellorar a rendibilidade da actividade - facendo fronte a dificultades como as derivadas da guerra en Ucraína e o encarecemento das materias primas- ao tempo que contribúe á sustentabilidade dos recursos pesqueiros.


De feito, trátase dunha cuestión fundamental para unha comunidade que conta con máis de 60 lonxas nas que se comercializan arredor de 300 especies diferentes entre peixes, mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos, entre outros. Son recursos da máxima calidade e recoñecido prestixio polo que son demandados por compradores de calquera punto do planeta.


A eles engádense os procedentes da acuicultura, como o mexillón, e da industria transformadora, que acaban subministrando os mercados de toda España e doutros puntos do mundo para elaborar os pratos máis innovadores e saborosos nos restaurantes máis prestixiosos.

Un sector con impacto en toda a economía


As accións de promoción dos produtos do mar convértense nunha importante ferramenta para elevar os prezos e impulsar un sector fundamental para a economía galega pois ten interacción con 76 das 83 ramas económicas identificadas en Galicia.

O complexo mar-industria galego pon no mercado cada ano produtos por valor de preto de 9.000 millóns de euros. En España, alcanza o 4,8% do PIB, de forma que o sector extractivo chega ata o 2,1%.

Nese bo comportamento teñen moito que ver as campañas de promoción e a participación en feiras, onde as empresas galegas pechan contactos e negocios con firmas internacionais facendo que os produtos do mar de Galicia estean presentes cada vez en máis países.


Todos estes datos son o resultado dun sector marítimo-pesqueiro con actividades moi diversas -como a pesca, o marisqueo, os cultivos mariños, a transformación de produtos do mar ou a súa depuración- e máis de 120 portos que xeran unha importante actividade económica ao tempo que definen o carácter das xentes da súa contorna así como a cultura e o patrimonio de moitas localidades costeiras.


A promoción convértese así nun paso intermedio entre a extracción e a comercialización dos recursos que contribúe a optimizar os resultados e mellorar a rendibilidade da actividade en beneficio do conxunto dos profesionais do mar.


Unha opción saudable

As campañas de promoción para impulsar os prezos dos produtos do mar inciden en que consumir este tipo de alimentos é un dos mellores investimentos que se poden facer como sociedade, ao contribuír a mellorar a saúde e aforrar en gasto sanitario ao tempo que se fomenta a sustentabilidade e a economía, especialmente a local.

Ao adquirir peixes e mariscos frescos ou calquera dos produtos transformados ou acuícolas desta proteína mariña non só se están promovendo uns mellores hábitos de vida senón que tamén se impulsa o traballo de todas aquelas mulleres e homes que cada día saen ao mar para que este nutritivo recurso non falte en ningunha mesa.


Este xesto apoia aos profesionais dun sector que en Galicia conta cun gran peso dado que o 91% das actividades económicas da comunidade están relacionadas coa pesca e a cadea mar-industria. As máis de 60 lonxas galegas poxan unha gran variedade de peixes, mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos que poñen a disposición do consumidor un gran abano de posibilidades para levar ao seu fogar cada día e poder cumprir coas recomendacións sanitarias de consumir, como mínimo, tres ou catro racións desta proteína á semana.


E os galegos predican co exemplo pois a dieta atlántica ten no peixe un dos seus grandes piares, o que contribúe á lonxevidade dos seus cidadáns. De feito, Galicia ostenta o segundo posto en poboación con maior esperanza de vida de España. Fonte de Omega-3, vitaminas D e B, ferro, potasio, iodo, calcio…, os peixes e mariscos son alimentos con importantes valores nutricionais e cunha pegada de carbono das máis baixas entre os produtos que hai dispoñibles no mercado.


Por iso o consumidor actual atopa no sector extractivo e a industria transformadora a confianza necesaria á hora de obter un produto de calidade, respectuoso coa súa contorna e, á súa vez, xerador dun gran número de empregos. Só a cadea mar-industria  galega dá traballo directamente a 40.000 persoas.