Galicia promove e aposta pola rehabilitación de inmobles destinados a usos residenciais

240426 FOTO ESPECIAL 1
A Xunta xa declarou un total de sete Áreas Rexurbe no conxunto de Galicia coa finalidade de facilitar a recuperación de conxuntos históricos declarados Bens de Interese Cultural (BIC).

A Xunta, na súa aposta pola rehabilitación de inmobles destinados a usos residenciais, impulsou a primeira Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que foi aprobada en abril do ano 2019. Este importante pulo ás políticas de rehabilitación e de recuperación do patrimonio xa construído fixo que Galicia se situara á vangarda nesta materia no conxunto de España. 

No campo da rehabilitación residencial eaproveitando a oportunidade que supuxeron os fondos europeos do programa NextGenerationUE destinados á vivenda e a través de diferentes programas e liñas de incentivos convocados desde 2022, o Instituto Galego da Vivenda e Solo destinou xa preto de 140 millóns de euros a conceder axudas a propietarios particulares, comunidades de veciños e concellos para rehabilitar co fin de mellorar a eficiencia enerxética de case 24.000 vivendas no conxunto de Galicia.

Ante o éxito destas axudas, que se resolveron ademais nos dous últimos anos cunha elevada porcentaxe de execución, a Xunta ten previsto publicar en 2024 unha nova convocatoria dos programas para rehabilitación enerxética a nivel de edificio, a nivel de vivenda e para a redacción de proxectos e do libro do edificio, cun orzamento inicial de 37 millóns de euros.

Programa Rexurbe

Por outra parte, púxose en marcha o chamado programa Rexurbe, concibido para a compra de inmobles abandonados e solares baleiros localizados en centros históricos co fin de rehabilitalos e destinar as vivendas resultantes a alugueiro a prezos accesibles. O ente autonómico, en desevolvemento dunha das figuras introducidas pola Lei de rehabilitación, xa declarou un total de sete Áreas Rexurbe en Galicia para facilitar a recuperación de conxuntos históricos declarados Bens de Interese Cultural (BIC) a través da aposta por combinar e concentrar os recursos para que cheguen alí onde máis se necesitan, posibilitando á vez a combinación de diferentes instrumentos de financiamento público-privado.

Son, en concreto, as de Mondoñedo, A Coruña e Ribadavia, aprobadas no ano 2020; a de Tui, en 2021; as de Ribadeo e Ferrol, aprobadas un ano despois; e a máis recente de todas, a de Betanzos, declarada oficialmente en 2023. 

Comentarios