Continúa a folga dos bombeiros comarcais da provincia

Os bombeiros comarcais da provincia de Lugo están en folga desde o pasado 9 de xuño. Unha folga indefinida —que se estendeu a toda a comunidade unha semana despois— que pon de manifesto a precariedade dun servizo público que é fundamental. Lucas Ares, bombeiro de Barreiros e representante sindical pertencente a CC.OO. afirma que «vímonos na obriga de ir á folga ante o total abandono e deixamento por parte das administracións competentes, neste caso tanto a Xunta de Galicia como a Deputación de Lugo». 

 

As principais demandas dos traballadores á administración autonómica e provincial son a aplicación do dereito de conversión en persoal fixo —tal e como recoñeceu unha sentenza do Tribunal Supremo en 2022— e a sinatura dun convenio colectivo común para todos os bombeiros e bombeiras comarcais. «Nun primeiro momento, que foi cando se enquistou a situación nas negociacións, tentaron facernos chantaxe incluso co recorte dos nosos dereitos no convenio. Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia; e Andrés Iglesias, subdirector; dixéronnos que eles apostaban polo servizo de mínimos. Un servizo de mínimos que á vista está que non funciona, porque agora o único facemos é non realizar horas extra e, con isto, estanse a pechar parques de bombeiros todos os días en Galicia. Non fan máis que darnos a razón en que, efectivamente, temos un déficit estrutural de persoal», sinala Ares. 

 

Os traballadores, que actualmente están a facer horas extraordinarias voluntarias —chegando ás 200 anuais— sosteñen un servizo público que dá cobertura a case o 60% da poboación, pois só as sete grandes cidades do país dispoñen de servizo municipal de bombeiros. «As horas extras que, por lei, son de carácter voluntario tamén nolas están a meter obrigatorias, porque ven que non cobren o servizo», engade Lucas Ares, que se mostra sorprendido polo desleixo das administracións pois «neste período estival, que é cando máis poboación hai en Galicia, dinnos que queren comezar as negociacións en setembro. Isto demostra que a ninguén lle interesa o servizo, sobre todo á Dirección Xeral. Estamos nun total abandono. Semella que as vacacións de Santiago Villanueva están por riba da seguridade de toda Galicia». 

 

Ademais, reclaman melloras nas instalacións do parque de bombeiros de Barreiros, onde «desde que se constituíu o servizo no 201, non foron capaces de facer nin unha pequena contratación para o seu mantemento. No noso parque chove o mesmo fóra que dentro. Se chove, dependendo de onde veña o vento, hai que mover as taquillas para un lado ou outro. É unha vergoña».