O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou nos actos de peche destas actividades, nas que se formaron un total de 40 alumnos traballadores que durante todo o ano de duración tiveron acceso a un contrato laboral.
Os obradoiros que hoxe finalizan son Serra da Cadeira VII, promovido polo Concello de Lourenzá asociado cos de Barreiros e Trabada; así como Sendas de Burela, Cervo e Xove IX, impulsado por Cervo en colaboración con Burela e Xove. O primeiro impartiu a especialidade de Aproveitamentos forestais; e o segundo tres módulos centrados na construción, a xardinería e a conservación e mellora de montes.
«A vantaxe deste sistema é que os participantes aprenden as materias desde un enfoque teórico e práctico», dixo Arias, «o que lles permite adquirir unha experiencia moi valorada polas empresas á hora de buscar traballo». Ademais, realizan obras e servizos de interese público nos concellos nos que se desenvolven.
«A partir de agora”, apuntou, os alumnos e alumnas «están mellor preparados para atopar un emprego ou para explorar outras vías de inserción laboral como o emprendemento». Nese sentido, subliñou que aquelas persoas que decidan montar un negocio «contan co apoio da Xunta desde o principio». Animou aos emprendedores mariñáns a buscar a información e asesoramento que precisen na Rede de polos de emprendemento que está a poñer en marcha o Goberno galego. Na provincia hai catro oficinas en activo, unha delas na Mariña, situada no concello Mondoñedo.