Comeza o ciclo de proxeccións do documental 'Xove, Democracia Nuclear'
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Asociación de Prensa de Lugo e o xornalista Pedro Lechuga presentaron o documental 'Xove, Democracia Nuclear' —sobre a mobilización social contra o proxecto de construción dunha central nuclear en Regodela nos anos setenta— e o ciclo de proxeccións co que se comezará a súa difusión, con pases en doce localidades en colaboración con colectivos locais.
O Cenima de Foz acollerá este venres (20 h) a primeira proxección da man de A Pomba do Arco. Seguirán proxeccións en Burela, o 21 de outubro; en San Cibrao (Cervo), o 28 de outubro; en Vilalba, o 10 de novembro; en Sarria, o 12 de novembro; en Ferreira do Valadouro, o 25 de novembro; en Barreiros, o 25 de novembro; en Xove, o 1 de decembro; no Vicedo, o 16 de decembro; así como en Ribadeo e Lugo, en datas aínda por concretar.
O documental, dirixido por Pedro Lechuga coa colaboración da Asociación de Prensa de Lugo na produción e gravación, recolle testemuñas das historias vividas na Mariña despois de que en novembro de 1973 se fixera público, a través dos medios de comunicación, o proxecto de construción da central nuclear.
Os acontecementos son contados por quince persoas que participaron e foron testemuñas mobilización que parou o proxecto de Fenosa. Os testemuños de veciñas e veciños, persoas afiliadas de Comisións Labregas e outras organizacións nacionalistas, xornalistas, historiadores e representantes políticos naquel periodo —na etapa final da ditadura franquista— fían o documental, ao que pon voz a xornalista lucense Lourdes Abuide.
O documental forma parte do proxecto a nivel estatal ‘Democracia Nuclear’, que recupera as historias das diferentes mobilizacións antinucleares xurdidas en España nos anos setenta, tal e como explicou na presentación Pedro Lechuga. «A orixe deste documental está na fase de documentación que realizamos cando estabamos a traballar no de Valencia de Don Juan, nese momento interesámonos por outras localidades de España nas que tamén houbera movementos similares e o caso de Xove pareceunos moi interesante, motivo polo cal comezamos a solicitar información e planificar a gravación durante o pasado verán, contando coa inestimable axuda da xornalista Dolores Cela».
Pedro Lechuga destacou a importancia de acometer este tipo de proxectos «xa que o que non podemos permitirnos como sociedade é perder os testemuños das persoas que protagonizaron parte da historia, neste caso de Galicia, motivo polo cal e debido á avanzada idade dalgúns deles é clave poder gravar os seus testemuños para que deste xeito queden para a posteridade».
A deputada de Cultura, Iria Castro, explicou que «a Vicepresidencia da Deputación comprometeu o apoio ao documental desde que o seu director e a Asociación de Prensa de Lugo nos presentaron o proxecto, a través da colaboración con este ciclo de proxeccións que contribuirán a que se coñeza un momento histórico na loita popular e ecoloxista na Mariña e en Galiza». «Cremos que as proxeccións que comezan en Foz o día 6 son unha boa canle para dar a coñecer á xente máis nova o que supuxeron as mobilizacións e a organización social fronte a aquel proxecto, nun momento da historia no que aínda viviamos baixo a sombra da ditadura franquista», expuxo.
O deputado de Medio Rural, Daniel García, lembrou que «as mobilizacións contra a nuclear supuxeron un fito na historia da loita ecoloxista pero tamén do nacionalismo e do sindicalismo agrario na Mariña Lucense» e valorou a oportunidade da produción e difusión deste documental. «A dialéctica entre a produción de enerxía e a conservación do territorio, da actividade agrogandeira ou pesqueira, é unha cuestión que se vén reproducindo, con outros protagonistas e en contextos distintos, ao longo desta décadas. Cremos que é moi positivo que estas cuestións estean presentes no debate público, e que se poñan ademais, como o fai esta peza documental, cunha análise en profundidade».
A presidenta da Asociación de Prensa de Lugo, Carmen Uz, lembrou que «o proxecto da nuclear de Xove e as moblizacións contra ela foron amplamente cubertas no seu momento polos medios de comunicación, especialmente polos locais, pero este traballo aporta unha visión conxunta e, sobre todo perspectiva» e valorou que «o documental mostre como tamén daquela había visión contraditorias sobre este proxecto nuclear. Aínda que se impuxo a oposicíon, tamén había quen o vía como unha posilidade de vender terras ou atopar empregos».