A pasada foi unha ponte marcada polos lumes que afectaron a varios concellos mariñáns. O de Trabada, que se estendeu ao municipio de Ribadeo, calcinou máis de 2.000 hectáreas, segundo os datos ofrecidos pola consellaría de Medio Rural. En Foz, o lume arrasou 234 hectáreas. Todo isto ocorreu cos bombeiros comarcais en folga. Levan xa desde o pasado 9 de xuño cun paro indefinido —que se estendeu a toda a comunidade unha semana despois— co que poñen de manifesto a precariedade dun servizo público que é fundamental.
Lucas Ares, bombeiro do parque de Barreiros e representante sindical, quere, en primeiro lugar, «solidarizarse coa veciñanza e felicitar aos compañeiros de distrito polos labores de extinción realizadas que, baixo o noso punto de vista, foron excelentes». Ares cualifica os lumes destes últimos días como «a situación máis dramática canto a incendios forestais vivida na Mariña con máis de 2.000 hectáreas calcinadas e con varios núcleos de poboación ameazados e incluso varios desaloxos».
Porén, móstrase moi crítico coa xestión realizada polo Consorcio Provincial de Lugo: «foi nefasta e totalmente incomprensible. Ante a situación máis grave de lumes na Mariña, a Deputación Provincial de Lugo só foi quen de mobilizar tres bombeiros e dous vehículos. Falamos dun Consorcio Provincial que conta con máis de 130 efectivos e máis de 25 vehículos de extinción». «Semella que para a Deputación si que somos de terceira aquí na Mariña. Ponse totalmente de manifesto que ao presidente da Deputación de Lugo impórtalle moito máis mobilizar ao gabinete de prensa para sacar unha foto ao lado do posto de mando que mobilizar medios técnicos ou medios de bombeiros que están baixo as súas ordes. Nin mobilizou a ningún bombeiro para o posto de mando».