Balseiro urxe ao Ministerio a reparación do socavón da N-642

O voceiro de infraestruturas do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, reclama ao Ministerio de Transportes que finalice con carácter de urxencia a reparación do socavón que o pasado mes de xaneiro obrigou a cortar a circulación da estrada N-642, á altura da praia de Areoura, entre as localidades de Cangas de Foz e Burela.

Con este obxecto o deputado mariñán vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que pide ao Goberno central que «abandone a súa pasividade e garanta, á maior brevidade, a recuperación da circulación, en condicións de normalidade, vialidade e seguridade. Ata o momento, todos os que circulan por ese punto deben convivir coa incomodidade dunhas obras que se prolongan no tempo».


«A falta de avance nos traballos de restauración da vía é máis que patente para os que circulan nesa zona, unha circunstancia que foi aínda máis evidente durante o verán e, en especial, nestas primeiras semanas de setembro. Cidadanía e empresas non deixan de reclamar axilidade nas obras, petición fronte á que o Ministerio fai oídos xordos», lembra Balseiro.

O parlamentario tamén explica que o propio Ministerio recoñece que «a magnitude dos traballos pendentes segue a ser moi relevante e iso levoulles a incumprir, un tras outro, os prazos de finalización que ofreceron. Aínda quedan por construír novos pozos de rexistro, reparar os colectores de drenaxe, reconstruír os terrapléns, tapar a escavación realizada e repoñer o treito de circulación, actuacións que aínda levaran meses e que superarán con moito o último prazo fixado para a conclusións das obras neste mes de setembro». 

Un itinerario sen alternativa

A estrada N-642 é unha vía estratéxica e vertebral para a comunicación dos concellos do litoral da Mariña lucense e, do norte da provincia de Lugo no seu conxunto e, tal e como se evidenciou durante o tempo no que estivo pechada, non dispón dunha alternativa de circulación viable o que fai que soporte unha gran carga de circulación.


«O Ministerio tampouco fai nada por impulsar a autovía paralela —a A-74— que a día de hoxe non ten un só quilómetro construído, nin en execución, nin licitado e está practicamente desaparecida dos Orzamentos Xerais do Estado”, explicou.


Todo isto leva a concluír, segundo Balseiro, que «tanto a Mariña lucense como o conxunto da provincia están a ser moi prexudicados polo desinterese e pola falta de compromiso do actual Goberno de España e tamén pola falta de investimento, tanto no que atinxe ao mantemento das estradas nacionais e autovía como á hora de executar novas infraestruturas ou reparacións».