Ana Pontón: «Non foron os resultados que queriamos en Ribadeo, mais recollemos a mensaxe e houbo unha renovación moi rápida e con moita forza»

entrevista ana ponton
photo_camera Fotografía: Ana Pontón, xunto a Suso de Toro, na presentación da súa biografía.
A líder do BNG e candidata á Presidencia da Xunta visitou Ribadeo este martes con motivo da presentación do libro "Descubrindo Ana Pontón", unha biografía escrita polo Premio Nacional de Literatura, Suso de Toro. A presentación da obra, que repasa a traxectoria da política de Sarria desde os seus inicios en Galiza Nova —a organización xuvenil do BNG—, pasando pola asunción do liderado da formación nacionalista tras a escisión de 2012 na asamblea de Amio ata que consolida ao BNG como a primeira forza política da oposición nas eleccións de 2020; tivo lugar no Hotel O Cabazo. 

Que significa para o BNG perder a alcaldía da Ribadeo tras máis de 15 anos? 

Na vida e na política hai que saber perder. Evidentemente, non foron os resultados que nós queriamos, pero tamén é certo que seguimos contando coa confianza de miles de veciños de Ribadeo e quedamos a moi pouco de conseguir esa sexta acta que nos daría a alcaldía. En todo caso, desde o BNG recollemos a mensaxe e houbo unha renovación moi rápida e con moita forza, por iso o que estamos a facer desde o primeiro día é unha oposición firme e rigorosa cun obxectivo moi claro que é recuperar a alcaldía en 2027. Estou convencida de que é posible facelo porque contamos cun equipo que ten experiencia e renovación e que van dar o mellor de si para volver a ter a confianza maioritaria dos ribadenses. 

Que pode atopar o lector nesta biografía? Como xurdiu a idea do libro? 

A verdade é que esta foi unha idea que xurdiu de Suso de Toro que nun primeiro momento me creou unha certa dúbida porque aínda son moi nova e tampouco creo que sexa unha persoa excepcional, simplemente son unha persoa normal e parecíame que non era o mellor momento para un libro así. Pero Suso de Toro, que ten moita cabeza e moita capacidade de convicción, fíxome ver que a moitos galegos e galegas lles podía interesar coñecer dunha maneira máis directa quen é Ana Pontón, quen é a muller que lles está a pedir a súa confianza para ser a presidenta da Xunta de Galiza. E o que poden ver é un retrato individual e colectivo de quen é Ana Pontón. 

 

Que queda na actualidade da nena de Chorente ou da moza que comezou a militar en Galiza Nova aos 16 anos? 

Unha parte de nós sempre son as nosas raíces, a nosa infancia. Eu teño moi claro de onde veño, entre outras cousas porque moitos dos valores que me importan na vida aprendinos da miña familia: o respecto, o esforzo, o inconformismo, o querer ir sempre cara a adiante... Son cousas que teño aí, queda todo o compromiso e amor por este país, pero tamén é certo que ao longo destes anos gañei unha experiencia que hoxe me fai ter moita máis convicción e máis seguridade e, sobre todo, faime sentir moito máis preparada para ser a primeira presidenta deste país. 

Pódese xa dicir que é oficialmente candidata á Presidencia da Xunta...

Xa son, si. Fun ratificada, ademais cun apoio desbordante da militancia. O único que teño é que agradecelo e dicir que teño máis ilusión e que me sinto máis que preparada que nunca para este reto. 

Cre que están en disposición de disputarlle a Xunta ao Partido Popular? 

Evidentemente imos a por todas. Eu estou convencida de que Galiza necesita o cambio real que significa o BNG, que estamos nun momento clave para que ese cambio se poida producir e teño a certeza de que a partir de 2024 imos facer historia coa primeira muller na presidencia coas mans libres para defender os galegos e as galegas. 

Coa precampaña xa en marcha, están preparados para un posible adianto electoral? 

Xa levamos meses de precampaña cun Partido Popular totalmente acelerado e nunha especie de fuxida cara a adiante prometendo facer agora o que non fixo en 14 anos. Nós estamos preparadas para calquera escenario, tamén para un, eu creo, bastante previsible adianto electoral.  Temos os deberes feito e imos ir a por todas nunha cita que é clave porque considero que Galiza ten que saír deste declive ao que nos están condenando as políticas do Partido Popular. O que sinto é que na sociedade galega hai cansazo de 14 anos de goberno que nos está deixando unha Galiza peor e que hai decepción entre moita xente que votou o PP de boa fe pero que ve que este país en vez de ir cara a adiante, vai cara a atrás, e que a alternativa real é o BNG. Estamos traballando para estar á altura dun momento importante onde nos xogamos a Galiza do presente pero tamén a Galiza do futuro. 

DAP_RIBADEO_28N_14

 

Impulso do autogoberno, condonación da débeda, descontos para as autoestradas... Confían desta vez en que o PSOE cumpra os acordos? 

Nós, en primeiro lugar, o que dicimos é que hai un acordo que é beneficioso para Galiza, que introduce cuestións moi importantes en materia de modernización do ferrocarril, o que tamén afecta á comarca da Mariña, xa que estamos a falar de que hai que impulsar a liña FEVE e equiparala co que xa pasa fóra do territorio galego. Esta é unha cuestión importante para a vertebración do noso territorio, pero eu creo que este é un acordo que é positivo para o país porque nos permite estar en igualdade de condicións en ámbitos tan importantes como, por exemplo, a reducción da débeda de Galiza, unha débeda que o Partido Popular triplicou. O que fai que hoxe no que máis gasta a Xunta, despois de Sanidade e Educación, é en pagar débeda. 1.500 millóns de euros o ano que vén. Reducir esa carga que o PP creou mentres recortaba en Sanidade e Educación, significa ter máis recursos para os galegos e as galegas. A min o que me parece triste é que cando hai un acordo positivo para Galiza vexamos ao Partido Popular intentando boicotealo desde a Xunta porque non soporta que o conseguira o BNG. Creo que esa actitude non conduce a nada e o país o que require é que traballemos en positivo. 

Xa en clave comarcal, como ve a situación da Mariña a menos dun mes para a reactivación das cubas de Alcoa? 

Nós o que temos claro é que cun só deputado no Parlamento non somos capaces de solucionar todos os temas, pero este deputado resulta ser máis útil que os 22 restantes ao servizo das forzas estatais, que non condicionaron o seu voto a que houbera avances para o conxunto do país. Desde logo, imos seguir traballando e defendendo que as cubas teñen que reiniciarse e que A Mariña non pode perder unha industria tan importante. Imos estar aí sempre, man a man cos traballadores e traballadoras e co futuro de toda unha comarca.