Ana Belén Traseira: «Estamos achegando a universidade á Mariña»

Entrevistamos a Ana Traseira, directora da UNED en Lugo

Ana Belén Traseira Pena é directora do Centro Asociado á UNED en Lugo desde febreiro de 2018. É Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais e ten Estudos de Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Química na Facultade de Ciencias da UNED e Mestrado de Calidade na xestión dos Centros Universitarios pola UNED. Desde que dirixe o Centro, puxo en marcha o proxecto #LugoNaturalMente, que se basea no traballo en tres eixos fundamentais para o desenvolvemento territorial da provincia de Lugo, a posta en valor do patrimonio ambiental da nosa contorna, a loita contra o cambio climático e a mitigación dos seus efectos e o aliñamento coa Axenda 2030 e a súa divulgación a todo o conxunto da sociedade lucense.

 

Xa está aberto o prazo de matrícula na UNED. Cal é a oferta educativa? 

 

Hai pouco que se abriu e estenderase ata o día 23 de outubro. A oferta educativa é moi variada, pois temos 30 graos universitarios. Temos estudos que se implantaron recentemente como o grao en Educación Infantil, que está a ter moito éxito. Tamén cabe destacar a titulación de Ciencias Ambientais, que si existía na UNED pero non estaba no Centro de Lugo. O grao en Enxeñaría da Enerxía tamén é novo, uns estudos que indagarán no eficiente uso dos recursos renovables e das fontes alternativas de enerxía, un desafío social ao que o noso alumnado se terá que enfrontar nun futuro. As enxeñarías informáticas tamén están en auxe, pois vivimos tempos nos que a intelixencia artificial está revolucionando a nosa sociedade. Despois contamos con graos clásicos como Psicoloxía ou Dereito, que sempre tiveron unha gran demanda. Tamén hai persoas que escollen titulacións como Historia da Arte, moitas veces por afondar naquilo que lles gusta. Enxeñaría Industrial, Filosofía, Criminoloxía… a oferta é realmente variada. Tamén hai opcións para a xente que no seu día non puido estudar, co curso de acceso á universidade para maiores de 25 anos, para maiores de 40 e para maiores de 45. Outra das opcións serían os micrograos, que son agrupacións de materias dentro dun grao e permitindo estudar, por exemplo, Historia de España, sen ter que cursar o grao na súa totalidade. Ademais, na UNED en Lugo poden estudarse mestrados, idiomas, desfrutar do programa UNED Senior ou de todas as actividades de extensión universitaria. 

 

Aumentou a matrícula tras a pandemia pola propia modalidade de estudos que ofrece a UNED? 

 

Si que notamos que á xente lle interesa moito esta modalidade de estudos xa que é moi flexible. Por outra banda, nós temos clases ou titorías presenciais, pero tamén se emiten online e na maioría dos casos tamén se gravan. Asistir ás titorías adoita ter un feedback moi positivo, pero non é imprescindible, xa que estas poden ser visualizadas en calquera momento polo alumnado. Esta modalidade flexible, semipresencial e tamén online, si que interesa. 

É moi importante para nós manter esa presenza na Mariña porque non só estamos impartindo, senón que estamos achegando a universidade, os estudos superiores, á poboación desa área.

Como afronta este novo curso? 

 

Creo que cada curso é totalmente distinto pero sempre o collemos con moito entusiasmo. Temos que estar moi agradecidos ao alumnado que nos escolle e confía en nós. Neste mundo hai moitas opcións e escolleronnos a nós. Temos que afrontar o desafío de ofrecerlles unha educación de calidade e á altura das súas expectativas. Para nós todos os anos é unha volta ao curso sempre con proxectos novos, con actividades interesantes e pensando en darlle o mellor ao noso alumnado pola confianza que depositaron na nosa universidade. 

 

Cal é a presenza da UNED na Mariña? 

 

Temos unha aula universitaria en Viveiro e outra en Foz. Cada unha delas ten arredor de 100 matriculados. É moi importante para nós manter esa presenza na Mariña porque non só estamos impartindo, senón que estamos achegando a universidade, os estudos superiores, á poboación desa área. E tamén outros proxectos de dinamización, de extensión universitaria e actividades culturais que enriquecen dalgún xeito toda esta oferta. Para nós é unha satisfacción estar presentes na Mariña, de feito, realizamos moitas actividades en colaboración tanto co Concello de Foz como co de Viveiro. Na actualidade, estamos deseñando algo moi interesante para o futuro que se vai desenvolver en Foz e volveremos, de seguro, a programar conxuntamente con Viveiro as Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima, unhas xornadas moi prestixiosas nas que nos encanta estar presentes achegando o noso gran de area.

 

A UNED de Lugo é un referente nacional co proxecto #LugoNaturalMente con múltiples premios en materia de desenvolvemento sostible, cambio climático, divulgación dos ODS da Axenda2030. ¿Pode falarnos das iniciativas levadas a cabo neste proxecto?

 

Vimos de facer nos últimos cinco anos proxectos moi ambiciosos vinculados ao #LugoNaturalMente como o #UNEDLife, do cal estamos moi orgullosos, pois tivo unha moi boa acollida. As nosas pezas audiovisuais, entre as que se inclúe a actividade #SaboresSaudables que foi un programa de cociña no que participaron deportistas de equipos lucenses como o Breogán ou o Emevé, recibiron máis de 60.000 visitas. Foi un proxecto moi satisfactorio, ademais de que se programaron máis de 40 conferencias en materia de saúde, todas elas gratuítas. Realmente os resultados foron abrumadores para nós, xa que esperabamos unha boa acollida, pero non unha dimensión tan grande. Levamos xa cinco anos desenvolvendo este proxecto en áreas relacionadas co cambio climático, coa posta en valor do noso patrimonio natural e coa contribución á Axenda2030 e os seus 17 ODS. Este ano estamos artellando un novo programa, que podemos dicir que aínda está nos seus alicerces, asentando un pouco as súas bases, e que se focalizará en catro signos dos nosos tempos e así tentar de afrontar os desafíos que estes signos nos están poñendo. Desde a universidade, dalgunha maneira queremos contribuír buscando solucións a estes retos aos que nos estamos enfrontando como sociedade. Debemos estar presentes aí, sinalando os problemas pero tamén axudando a resolvelos e propoñendo solucións. #LugoNaturalMente é un proxecto que nos leva dado moitas alegrías, pois levamos tres anos consecutivos gañando o premio nacional á mellor práctica posta en marcha pola UNED e tamén dous premios do Observatorio ODS. O camiño que levamos percorrido ten sido moi satisfactorio e agardamos manter a liña e seguir traballando pola mellora das comunidades nas que estamos asentados, pois a UNED ten uns fins sociais. 

 

 

Comentarios