A Xunta executou obras no CEIP de Cervo para poñer en marcha un polo creativo
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado da actuación, na que se optou por instalar este novo recurso no que era a sala de profesores, contigua á biblioteca.
Tamén se reorganizou a zona administrativa para habilitar alí unha nova sala de profesores; e creouse un despacho máis na planta superior. O investimento en todos estes traballos rondou os 11.000 euros.
Arias afirmou que «a Xunta impulsa a implantación de polos creativos nos centros educativos para fomentar o uso e aprendizaxe das novas tecnoloxías entre o alumnado. Para iso, contan con equipamento especializado de audiovisual, fotografía, electrónica, robótica, fabricación, construción, téxtil e informática, con kits adaptados aos niveis educativos aos que van dirixidos».
Esta medida enmárcase na folla de ruta da Estratexia galega de educación dixital e do Plan de nova arquitectura pedagóxica, co obxectivo de avanzar cara a infraestruturas educativas máis innovadoras e sostibles. No caso do CEIP de Cervo, Arias lembrou que a Xunta acometeu unha rehabilitación integral do centro hai tres anos, cun investimento de case un millón de euros.