San Ciprián celebrará a XXXVI Festa da Maruxaina o sábado 12 de agosto
O Concello de Cervo organizará e celebrará un ano máis a XXXVI Festa da Maruxaina, que terá lugar o sábado 12 de agosto. A cita foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés; a tenente de alcaldesa, Mali Méndez; a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada; o concelleiro de Emprego e Formación, Alfredo Fernández; e por unha representación da asociación Amigos da Maruxaina, que se encarga da pre-maruxaina e do xuízo a medianoite.
Ese día 12 serán os actos centrais, pero xa o venres terá lugar a Pre-Maruxaina co gran chupinazo ás 19 h, seguido da concentración de Maruxainos e Maruxainas na Praza dos Campos, onde haberá degustación de empanadas típicas galegas e bolos preñados. Ás 21 h está previsto o nomeamento do Maruxaino ou Maruxaina de Honra 2023, a cargo da Asociación Amigos da Maruxaina. O sábado, 12 de agosto, será pois o día grande, que estará animado desde primeira hora polo ritmo de diferentes charangas e gaiteiros. Xa ás 23 h terá lugar o desembarco da Maruxaina na Praia do Torno. Durante o traxecto, as persoas asistentes poderán gozar dun espectáculo de fogos de artificio. Ás 12 da noite celebrarase o gran xuízo popular, seguido dunha degustación de balde de queimada na Praza dos Campos. E, a continuación, haberá verbena na Praza dos Campos.
Desde o Concello de Cervo animan a veciños e visitantes a desfrutar desta festa declarada de Interese Turístico Galego, que é un reflexo da unión de San Ciprián co mar. Traballamos, engaden, «para que a harmonía reine no pobo durante a celebración dunha festa na que as tradicións familiares se misturan coa xente nova».
Grande operativo policial
Este mesmo venres, ademais, o Concello de Cervo celebrou a Xunta Local de Seguridade para acabar de perfilar o operativo da Festa. Na Xunta, que estivo presidida pola rexedora municipal, Dolores García Caramés; participou tamén a subdelegada do goberno, Isabel Rodríguez; a tenente de alcaldesa, Mali Méndez; o edil de Seguridade Cidadá, José Manuel Balseiro; o responsable do GES; a Policía Local; respresentantes da Garda Civil e da Garda Civil de Tráfico; e da Policía Autonómica. A Xunta centrouse no dispositivo de seguridade da Maruxaina pero tamén se abordaron cuestións relativas á seguridade cidadá do municipio.