San Ciprián prepárase para celebrar as súas Festas do Carme
A vila mariñá presentou as festas na honra de Virxe do Carme, que se celebrarán do 14 ao 17 de xullo.
A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés; pola concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada; e por representantes das diferentes asociacións e colectivos do municipio que participan: Mar de San Ciprián, Mulleres de San Ciprián, Amigos da Maruxaina, A Rebolaxe e a Coral Terramar.
O venres 14, ás 20 h na Praza dos Campos, dan comezo as celebracións coa festa do Mexillón que organiza a asociación Amigos de Maruxaina. A continuación, a Festa da Xuventude será amenizada por Disco Móbil Chocolate e Disco Móbil Conxuro.
O sábado 14 haberá sesión vermú coa orquestra La Dimensión. Ás 21 h celebrarase unha misa solemne na Igrexa Parroquial de Lieiro cantada pola coral Terramar, seguida da procesión do Carme ata o peirao e acompañada pola agrupación musical Dambara-San Inocencio de Burela. Unha cita xa tradicional organizada pola asociación Mar de San Ciprián. La Dimensión e o Grupo Arizona serán os encargados de poñer a música na verbena.
Xa o domingo 16, haberá de novo misa solemne ás 13 h no peirao cantada pola coral Terramar; á que seguirá unha ofrenda floral na honra dos mariñeiros falecidos, a cargo de Lidia Pernas. Posteriormente, terá lugar a procesión da Virxe do Carme ata a Igrexa de Lieiro acompañada polo grupo de gaitas A Rebolaxe, organizada pola asociación Mar de San Ciprián. A sesión vermú será amenizada polo Grupo Zona Zero, que repetirá na verbena xunto co Grupo América SL, desde as 23 h. Os festexos rematarán o luns 17 co Día do Neno, na Praza dos Campos a partir das 19h.
A decoración floral destas Festa do Carme correrá a cargo da asociación Mulleres de San Ciprián. Por outra banda, aquelas persoas que desexen colaborar coas festas, poden deixar as súas achegas no Banco Santander, na conta rexistrada a nome da asociación Anxuela, ou na Casa da Cultura. Así mesmo, o Concello de Cervo convida a veciños e visitantes a participar das diferentes actividades programadas durante a próxima fin de semana e agradece ás diferentes asociacións e colectivos a súa implicación para levar adiante unha festa tan arraigada nunha vila mariñeira como é San Cibrao.