Inaugurada a exposición "Muller e Poder en Roma"
Na inaguración participou a rexedora municipal, Dolores Caramés; a tenente de alcaldesa, Mali Méndez; e o edil de Innovación e Emprendemento, Adrián Arias.
A mostra está composta por 15 cadros do artista nado en Presedo (Abegondo), un historiador, pintor, debuxante e gravador galego que foi director do Museo das Mariñas de Betanzos entre 1984 e 2022. Céntrase nas mulleres poderosas por excelencia do Imperio Romano: as emperatrices. E, a través da mirada de Erias e dos seus pinceis, lembrando a cor que en orixe tiñan as estatuas clásicas, estas mulleres aparecen ante nós cos ollos cheos de vida e as súas vestimentas coloridas. Son mulleres moi diversas: nalgúns casos, eran en realidade máis poderosas que o emperador, pero, noutros, sucumbiron ao ambiente tóxico do palacio. E, xunto a elas, tamén vemos, incriblemente, mulleres galaico-romanas dos arredores de Lucus Augusti que as imitaban.
Tal e como precisou Caramés, «é todo un luxo poder desfrutar da arte clásica aquí no noso concello, nesta sala que creo que é un perfecto escenario para iso». A alcaldesa agradeceulle ao artista «que comparta con nós o seu talento e sensibilidade coa historia».
Desde o Concello de Cervo —engadiu— «abrimos as portas unha vez máis á arte, esperando que sexan moitas as persoas que se acheguen durante este mes, a esta sala das Carboeiras, a este Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos».