Dolores García Caramés, alcaldesa de Cervo: «Afronto esta nova etapa con responsabilidade, humildade e moitísima ilusión»
Como afronta esta nova etapa como alcaldesa?
Con moita responsabilidade, humildade e con moitísima ilusión. Desde o minuto un estamos a traballar en equipo para seguir mellorando a vida dos nosos veciños. Esa é a prioridade, como sempre dicimos, que Cervo siga crecendo.
Conta xa con experiencia como tenente de alcalde, que cre que pode achegar á política local?
Si, levo 8 anos xa na política municipal activa e catro deles como tenenta de alcalde. E nestes anos intentei aprender de todo e de todos, escoitar moito… Estar sempre ao carón da xente, pendente das súas necesidades. Creo que podo aportar esa figura próxima, accesible, moi de estar na rúa, entre a xente e, sobre todo, moito traballo e dedicación.
Deulle o seu predecesor, Alfonso Villares, algún consello?
Son unha persoa moi curiosa e observadora. Cada día nestes 8 anos de política municipal aprendín algo, porque o certo é que tiven a sorte de ter o mellor profesor posible. O consello é seguir estando ao carón da xente, atendendo as súas necesidades, e traballando moito en equipo, como sempre fixemos. E eu estou rodeada dun equipo excepcional que me fai o día a día moito máis fácil.
Como valora a súa presenza na Xunta para o concello de Cervo?
É moi positivo que Cervo estea representado no Consello da Xunta de Galicia na figura de Alfonso, ademais como Conselleiro do Mar; pero non só par Cervo, penso que para toda A Mariña. É unha boísima noticia.
Cales foron os primeiros pasos nesta nova lexislatura?
Desde o minuto un puxemos a traballar a engrenaxe da lexislatura… pero é certo que collemos esta responsabilidade nun momento de intensa actividade como é o verán en Cervo, polo que xa entramos de cheo a traballar a reo como viñamos facendo ata o de agora, pero co engadido de asumir a responsabilidade da Alcaldía. Agradezo a comprensión que están a ter os veciños nestes primeiros meses de asentamento, de toma de contacto. O balance está a ser moi positivo.
Que proxectos ten para Cervo nestes próximos 4 anos?
Seguiremos coa liña marcada xa desde a anterior lexislatura. O noso obxectivo é cumprir o programa co que nos presentamos ás eleccións de maio. Temos proxectos moi ambiciosos para materializar como o da recuperación da Atalaia, seguir combatendo o feísmo... Ademais, queremos seguir apostando firmemente polas políticas de conciliación, que creo que nos identifican e é algo no que somos referente, como se veu de novo neste verán.
Como viviu a situación con Alcoa e como ve o futuro da fábrica?
A continuidade de Alcoa é unha prioridade para A Mariña. Desde o Concello sempre estaremos ao carón dos traballadores/as e apoiremos todas as medidas que vaian no camiño de protexer e garantir os postos de traballo e a permanencia desta factoría vital para a nosa zona, vendo a necesidade de garantir un marco enerxético estable para iso.