Cervo anuncia novos investimentos para a recuperación da Atalaia
Destinaranse máis de 120.000 euros do remanente de tesourería para a demolición parcial do esqueleto, onde está proxectado o Centro Arqueolóxico da Mariña.
O Concello de Cervo investirá nos vindeiros meses algo máis de 400.000 euros —415.957,30 euros concretamente— froito dunha modificación de crédito que foi aprobada en pleno extraordinario.
As obras serán asumidas integramente con fondos propios froito do remanente de tesourería que presentan as arcas municipais —tal e como explica a rexedora, Dolores García Caramés— quen puxo de manifesto «a importancia dunha xestión seria e responsable dos cartos públicos para poder dar resposta con solvencia ás necesidades que se presentan no día a día das nosas parroquias, no día a día da nosa veciñanza».
A alcaldesa sinalou que «son todas elas obras necesarias que queremos acometer canto antes, por iso axilizamos ao máximo os trámites administrativos», pero destacou o importe que se reserva para «continuar co ilusionante e bonito proxecto que estamos materializando xa na Atalaia —onde xa se está a executar unha praza pública no lugar onde estaba o edificio deshabitado—; e para o que agora vimos de reservar 120.239,12 euros destinados a demoler parte da estrutura do esqueleto, para facilitar unha integración cos volumes das edificacións lindeiras de xeito que podamos conservar parcialmente a edificación para dedicala ao Centro Arqueolóxico da Mariña».
Outras das actuacións que imos levar a cabo os vindeiros meses a cargo do remanente de tesourería son: a pavimentación da Avenida de Galicia e a Rúa Xosé María Cao en Cervo, coa execución de beirarrúas onde sexa necesario, por un importe de 212.134,78 euros; o mantemento e a reparación do pavimento no camiño que vai de Verdellas a Saltos en Gondrás, por un importe de 47.892,05 euros; e a renovación do pavimento do camiño rural “A Salgueiriña”, en Figueirido-Daián, por un valor de 35.691,35 euros.