Cervo e Adamo avanzan na implementación da fibra óptica en todo o termo municipal

O Concello de Cervo e a operadora Adamo seguen a traballar intensamente para implantar a fibra óptica en todo o termo municipal.

A administración local e esta operadora subscribiron un convenio de colaboración no que se marcan ese obxectivo, «que culminará a comezos de ano», tal e como explicou a rexedora, Dolores García Caramés, «cando o conxunto da veciñanza do noso municipio, tanto da zona rural como urbana, poderá ter acceso a este servizo, e unha conexión a internet adecuada aos tempos que suporá un importante salto cualitativo na capacidade e na velocidade de acceso a internet dos fogares cervenses, como servizo clave para o desenvolvemento social e empresarial da zona nun intre no que a conexión a internet é, ademais, algo esencial». 


A rexedora e o edil de Innovación, Emprendemento e Zona Rural, Adrián Arias; mantiveron un novo encontro coa responsable de zona de Adamo, Mónica Expósito, para avaliar e analizar como está a avanzar o despregue da fibra, que comezara polos núcleos de Cervo e San Ciprián, e que xa vén de dar servizo ás parroquias de Sargadelos e San Román; e que continuará agora por outras zonas “escuras” como Trasbar, Rúa, Castelo ou A Senra para garantir o 100% da cobertura a comezos de ano», porque o obxectivo é que a banda longa chegue a toda a veciñanza, con especial atención á zona rural.

A veciñanza que precise de máis información ao respecto pode poñerse en contacto co teléfono 601 40 86 20.