Burela reforza os seus lazos co sector pesqueiro de Cabo Verde
Durante esta visita, Ramiro Fernández tivo a posibilidade de conversar co presidente da República de Cabo Verde, José Maria Neves, que xa visitou Burela, e o concelleiro aproveitou a ocasión para convidar de novo ao presidente a visitar á comunidade caboverdiana de Burela.
«José María Neves sabe da importancia da comunidade caboverdiana de Burela e mostrou moito interese en voltar a visitalos, polo que esperamos que se poida facer realidade na maior brevidade posible», explica Fernández.
O concelleiro de Mar mantivo tamén un encontro co presidente da Cámara de São Vicente, Augusto Neves, co que mantivo unha xuntanza na que trataron moitos asuntos e no que se puxo enriba da mesa a posibilidade de facer efectivo un irmandamento entre Burela e São Vicente. Neves invitou a Ramiro Fernández a asistir en xaneiro á celebración do Día de São Vicente, un día moi importante para os habitantes desta vila, e mostrou tamén a súa disposición a desprazarse a Burela nos próximos meses para manter unha xuntanza coa comunidade caboverdiana do concello.
Fernández asistiu a unha cea organizada por Enapor (entidade que xestiona os portos de Cabo Verde), xunto con autoridades de Cabo Verde e empresarios españois con intereses económicos na illa, que resultou moi interesante e onde se fixo unha idea real da importancia económica que ten a illa para os empresarios españois, «e particularmente para as empresas de Burela que están a traballar en São Vicente, particularmente os barcos espadeiros que fan as súas descargas en Mindelo».
O concelleiro de Mar de Burela quere agradecer ao secretario xeral de Pesca da Xunta, Antonio Basanta, tamén desplazado a São Vicente, «a atención que tivo conmigo e, consecuentemente co Concello de Burela, convidándome á cea oficial, que foi moi cordial e positiva para os obxectivos que se buscaban con esta viaxe».
«En definitiva, unha visita moi positiva para afianzar e consolidar a relación entre Cabo Verde e Burela. Esperamos que nos próximos meses poidamos seguir avanzando nesta relación e concretemos novas liñas de colaboración e de afianzamento dunha relación próxima e sólida», remata Ramiro Fernández.