Burela acollerá a vindeira semana un congreso sobre palangre de superficie
No evento participarán representantes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA); do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO); do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); e outras entidades públicas e privadas, como Europeche, Fip Blues, BridLife, ETF, AECOC, ou as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela.
Durante a tarde do xoves e a mañá do venres, no salón de actos de Armadores de Burela trataranse diferentes temas que afectan á frota de palangre de superficie, como a xestión pesqueira sostible; a dixitalización e comunicacións máis eficientes; as boas prácticas pesqueiras; ou a seguridade alimentaria, nutrición e saúde.
A asistencia ao congreso é gratuíta, pero será necesario inscribirse previamente por correo electrónico (xornadas@oppburela.com) ou directamente cubrindo a ficha na web www.oppburela.com/congreso2023. As persoas rexistradas poderán seguir tamén as xornadas a través de internet.
Esta acción está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á rastrexabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.