Escolares do CEIP San Cosme de Barreiros visitaron Tropic Gaia co programa 'Da Escola á Granxa'
O deputado de Medio Rural, Daniel García, participou na visita, na que o alumnado —dos ciclos de infantil e primaria— coñeceu a orixe, proceso de crecemento ou a técnica de recolleita da pitaya ou froita do dragón, o produto estrela da produción de froitas tropicais que Andrea González Río ten en Aldea de Arriba, en Morás. Da súa man, percorreron os corredores dos invernadoiros nos que cultiva estas froitas —e physalis ou fresas— e puideron degustalas. Ademais, as nenas e nenos recibiron tamén un exemplar do libro “Os Bolechas. Da Escola á Granxa”, que Medio Rural edita con Bolanda para ampliar a difusión do programa.
Daniel García destacou que «estas visitas permiten que as nenas e nenos, incluso aqueles que viven no rural, se acheguen á gandería e á agricultura desde unha nova perspectiva, a través de persoas que transmiten un gran entusiasmo polo que fan e que amosan a importancia que o sector primario ten na actividade económica, pero tamén na produción de alimentos de calidade e na fixación de poboación».
Tropic Gaia é un dos 29 proxectos de emprendemento rural que participan no programa Da Escola á Granxa: granxas, pequenas producións agrarias e obradoiros alimentarios das distintas comarcas, con actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas.
A área de Medio Rural financia as visitas ás asociacións de nais e pais que solicitaron as actividades, que se están a desenvolver neste segundo semestre do ano. Participarán nelas preto de 4.000 alumnos e alumnas dos colexios de Becerreá, A Pobra do Brollón, Triacastela, Oural (Sarria), Monterroso, Santa Rita de Galdo e Lois Tobío (Viveiro), Terra Chá de Román, Insúa Bermúdez e Mato Vizoso (Vilalba), Riotorto, Xove, Samos, Xermade, Outeiro de Rei, O Páramo, Pantón, Palas de Rei, O Cantel e No 1 (Foz) , Alfoz, Quiroga, Guntín, Ribadeo, A Pastoriza, Bretoña (A Pastoriza), Castro de Rei, O Incio, Taboada, Bóveda, Monforte, Paradela, Muras, San Cosme de Barreiros e A Milagrosa, Lousada, As Mercedes, Santa María e Casás (Lugo). O programa supón un investimento de 80.000 euros.