Daniel García, balance e compromiso co progreso local

Daniel García Fernández.
O Circuíto +kms é un proxecto que lonxe de querer ser un simple sumatorio de carreiras pretende dar visibilidade á oferta deportiva das distintas asociacións organizadoras.

Entrevista a Daniel García, Deputado provincial e Concelleiro en Barreiros. 

Que balance persoal fai dun ano en que foi designado deputado provincial?

Foi un ano de emocións fortes, con momentos peores e mellores e que remato con moita forza e esperanzado ante o que vén políticamente neste primeiro trimestre do 2024. A Mariña xógase moito nestas eleccións galegas e espero e desexo que Ana Pontón sexa a vindeira presidenta da Xunta de Galicia.

Que supón contar cun deputado para o concello de Barreiros?

Creo que é importante, non só polo feito de contar cun deputado, senón pola implicación que esa persoa teña en defender a súa comarca e por suposto o seu concello, e neste caso o meu compromiso é o de traballar arreo tanto dende a Deputación como dende o Concello de Barreiros. Ademais, segue a traballar a nivel local como concelleiro de Dinamización e Parcipación Veciñal… Traballar para ver cada día mellor o concello no que nacín e no que vivo é das cousas máis gratificantes, por iso a política local é o que máis me gusta. É certo que a política absorbe moito se a vives intensamente como o facemos calquera dos compañeiros do equipo de goberno, pero merece a pena cando ves que as decisións que tomas fan que mellore o día a día da veciñanza.

Unha das iniciativas máis existosas é o circuito de carreiras populares +Kms Barreiros, como está a funcionar?

O Circuíto +kms é un proxecto que lonxe de querer ser un simple sumatorio de carreiras pretende dar visibilidade á oferta deportiva das distintas asociacións organizadoras e convertir nun evento anual tanto deportivo como turístico que dinamice Barreiros en distintas épocas do ano. O éxito do Circuíto recae no traballo programado e en ir todos da man aportando e creando sinerxias, Concello e asociacións (Praias de Comado, Ollomao e Augas Santas). Estamos orgullosos da aceptación que está tendo e iso reflíctese en que medra ano a ano. Co fin de ir mellorando pouco a pouco, no Circuíto 2024 creamos a maiores das que xa había unha clasificación por equipos e outra para os colexios así como incrementamos os premios finais ata os 1.000 euros. Contamos cunha web do evento (www.maiskmsbarreiros) cun espazo reservado para cada proba e na que cada visitante pode encontrar información sobre que facer en Barreiros.

De feito, comeza este ano que entra coa Carreira Solidaria de Reis…

A Carreira Solidaria de Reis será o 7 de xaneiro e está directamente organizada desde o Concello sendo ademais a primeira proba do Circuíto. Comezamos con forza o 2024 e confiamos en ter unha boa inscrición, que vai a bo ritmo e remata o día 4. Esta edición modificamos o percorrido facendo a saída no centro de San Cosme e confiamos en que este cambio sirva para achegar máis o evento á veciñanza e a sintan como algo propio. Espero que o domingo 7 haxa moita xente animando a nenos/as e maiores. Tamén modificamos a andaina e percorrerá o Santo Estevo do Ermo cunha inscrición que será doada integramente á asociación Saúde Mental A Mariña.


Un bo xeito de dinamizar o concello, non?

Esa é a intención. Cando a anterior organización decidiu deixar a carreira, crimos que era necesario asumir a proba deportiva que xa estaba consolidada no calendario de carreiras e darlle o impulso necesario a nivel organizativo, escoitando as demandas que tiñan os participantes e dándolle o enfoque solidario tan necesario. Dende o 2020 vimos colaborando con diferentes entidades coa achega solidaria e a andaina está xa consolidada como o propósito de ano novo de moitos veciños e veciñas.

Que outras inciativas levadas a cabo en Barreiros sacou adiante?

Son moitas as iniciativas que imos sacando a diante a pesar de que nos anteriores catro anos tivemos a pandemia polo medio e de feito o +Kms Barreiros naceu como un evento virtual durante a Covid 19. Actualmente o Concello de Barreiros é rico en actividades deportivas xa que programamos semanalmente actividades como ioga, ximnasia de mantemento, zumba, gap, espalda saudable e baile, acometéronse obras de mellora necesarias no pavillón municipal e estamos poñendo a punto tanto ximnasio como pista de pádel que estaban en malas condicións.

No ámbito do ocio e da cultura, creamos os mercadiños estacionais de nadal, primavera e outono que xa están consolidados. Creamos o certame de teatro Convida no rural que no 2024 terá a súa segunda edición. Organizamos xa dúas edicións do Son Urbán coa presenza este ano de Grande Amore na praza do Concello, así como o recital poético musical Versos na baixamar no que estivo a actual gañadora do Premio Nacional de poesía, Yolanda Castaño. Outra iniciativa interesante foi a creación de Bibliotecas Rurais nas parroquias, nas que tamén se programan actividades tanto musicais como de teatro en distintos puntos do ano en colaboración coas asociacións que dinamizan eses lugares e que volverán este ano a recibir a visita dos Reis Magos o 5 de xaneiro.