Os bombeiros culpan a Tomé do peche do parque de Barreiros o pasado sábado
No seu comunicado, os bombeiros indican que «co simple feito de non facer horas extra de carácter voluntario, o servizo non se da cuberto e non se pode garantir o funcionamento do mesmo», retrucando así ao comunicado da propia Deputación, que alegaba que «os traballadores faltaran ao seu posto de traballo sen xustificar a súa ausencia».
O comité de folga explicou que o parque de bombeiros de Barreiros permaneceu pechado as 24 horas deste sábado «polo déficit de persoal no Consorcio, por non garantirse a asistencia dos servizos mínimos establecidos (3 bombeiros)» debido ás seguintes tres circunstancias: un bombeiro estaba de permiso de paternidade, solicitado en tempo e forma cun mes de antelación; un segundo efectivo atópase en situación de incapacidade temporal de longa duración; e o terceiro efectivo tiña solicitado desde o mércores 20 de setembro un permiso por coidado de familiar cunha intervención cirúrxica de carácter grave.
Estas tres casuísticas, din, «estaban sen cubrir polo Consorcio, polo que o peche non é culpa da parte traballadora, se non que se deu pola mala xestión de non cubrir as quendas de traballo e pola negativa de negociación por parte da institución». E engaden: «Cúlpannos a nós, aos bombeiros, do parón do servizo pero, esquécense do que realmente é importante para o servizo e para o cidadán, garantir a súa seguridade e o bo funcionamento do mesmo. Agora pasaron a un segundo plano o arranxo das instalacións que están caendo a anacos, a reparación dos camións, que botan máis tempo avariados ca de servizo, renovación e dotación de equipación, cubrir as quendas de traballo da forma axeitada... para botar terra enriba do tellado do traballador e mentir da maneira que o fixeron».
Ademais, subliñan que «tanto o xefe de parque en funcións como a xerencia do consorcio non esgotaron as medidas legais para evitar o peche do parque, senón que preferiron sacar unha nota de prensa na nosa contra, antes de facer o seu traballo e garantir a seguridade da comarca da Mariña». Así mesmo, sinalan que a finalidade do comunicado da Deputación «sabémola todos, non salpicar aos altos cargos do ente provincial e difundir información falsa para que a cidadanía se poña en contra dos bombeiros. Non imos permitir que poñan a opinión pública na nosa contra con falsas noticias e cargando enriba dos traballadores que teñen mais que demostrada a súa valía como fai un ano, cando pasaron máis de 48 horas seguidas de traballo nos lumes do Caurel en primeira liña de defensa, sen poder contar con apoio para dar relevos pola falta de persoal».