Barreiros aproba o Protocolo de actuación da mesa interinstitucional contra a violencia de xénero
Na xornada de hoxe quedou aprobado o protocolo de actuación de dita Mesa para abordar situacións relacionadas con violencia machista. A alcaldesa, Ana Ermida, manifestou o «agradecemento a todas as institucións e sectores implicados no funcionamento da mesa e o orgullo de contar cun instrumento deste calado nun Concello coma Barreiros, onde se tecen lazos e se traballa conxuntamente na atención a persoas vítimas de violencia de xénero».
A rexedora tamén quixo salientar o traballo que se realiza no ámbito da prevención, «facendo especial fincapé na educación e na implicación dos actores educativos para ser capaces de formar desde crianzas no respecto e a educación en igualdade».
Na mesa abordáronse tamén as actividades realizadas e as previstas como instrumentos de concienciación social sobre a violencia nas súas diferentes facianas.