Ana Ermida amosa o seu apoio aos bombeiros

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, mantivo nesta semana un encontro cos Bombeiros de Barreiros no que lle trasladaron a situación do parque que se atopa no municipio e do conxunto do colectivo en Galicia.

A rexedora trasladoulles a súa preocupación polo funcionamento dun servizo que considera «fundamental para a poboación, xa que dá cobertura a situacións de risco e emerxencia que deben ser atendidas con capacidade e medios»


Neste sentido, Ermida manifestou a súa fonda preocupación polas últimas manifestacións públicas de representantes da Xunta de Galicia, desde a Dirección Xeral de Emerxencias, deixando caer una ameaza velada de desentenderse do servizo amparándose na normativa en vigor e poñendo o obxectivo sobre os Concellos.


A mandataria municipal lembrou que «as Administracións locais son as máis próximas á veciñanza, as que máis servizos ofrecen e as máis infradotadas economicamente; polo que pretender seguir afondando en cargar de responsabilidades aos concellos sen un finanzamento real, é condenar á desaparición de máis servizos». 


A alcaldesa de Barreiros trasladou o apoio ao colectivo de Bombeiros nas súas reivindicacións por unas condicións e uns medios óptimos para prestar un servizo que non pode quedar a expensas da vontade dos traballadores, senón que debe ser garantido polas Administracións Públicas, sen ampararse en resquicios legais para desentenderse dos mesmos.


Incidiu na importancia de ter vontade de solución e instou ás Administracións a apostar pola mellora dun servizo necesario e fundamental nos territorios; polo que chamou ao entendemento no encontro que manterán o vindeiro luns co Director Xeral de Emerxencias.


Igualmente, comprometeuse a trasladar ao resto de Concellos da Mariña a necesidade de mantemento deste servizo en condicións óptimas e de demandar as actuacións precisas para tal fin.