En Aquí Diario quixemos formar parte dunha destas marabillosas rutas e visitas guiadas impulsadas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña, co obxectivo de visibilizar este programa chamado 'A Mariña. Plans con corazón' e animar a toda a xente a participar.
As rutas da Mancomunidade achegáronse ata San Tirso de Portocelo, en Xove, da man do guía Boris Vilar contando coa colaboración como anfitrioa local de Lucía Sánchez Meitín, ao cargo do departamento de investigación social do Concello de Xove. Xunto aos participantes descubrimos Punta Roncadoira e a monumentalidade da paisaxe costeira xovense, gozando de magníficas vistas que non deixaron indiferente a ninguén. Achegámonos ata o antigo forte de Punta Mexiluíde, onde contemplamos os restos da igrexa e do anterior mosteiro de San Tirso de Portocelo, e subimos ao Monte Castelo para ver as formacións graníticas da zona, así como os impresionantes cantís. Á volta, na praia de Portocelo e para rematar a xornada, a panadería Maral de Xove ofreceu unha degustación de distintos produtos como empanadas de polbo, mexilóns, atún e bacallao, pan de trigo do país e outra versión de trigo serraceno e para finalizar un toque doce cun biscoito de noces e o clásico cun toque cítrico.
A experiencia permitiunos descubrir de primeira man a riqueza natural e cultural desta zona, nun ambiente acolledor e repleto de historias e tradicións. Sen dúbida, un plan perfecto para gozar do outono en contacto coa natureza.
Unha iniciativa para dinamizar o turismo
O pasado 5 de outubro deu comezo o programa "A Mariña. Plans con corazón", un proxecto que promove o ecoturismo e a cultura en torno aos 16 concellos da Mariña Lucense. Esta iniciativa, impulsada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, ten como obxectivo dinamizar o turismo na comarca durante a tempada de outono, aproveitando a riqueza natural e cultural da zona.
O programa ofrece 16 rutas e visitas guiadas, unha por cada concello, dirixidas polos guías oficiais de turismo Ana Pena, Boris Vilar, Carmen Delia e Noela Feal. Tamén conta coa participación de varios anfitrións locais, en colaboración coa empresa de ecoturismo Volta Montana. As rutas, que teñen unha duración de entre 2 e 4 horas, permiten coñecer a fondo os recunchos máis descoñecidos da Mariña, ao tempo que se destacan valores como a proximidade, a hospitalidade e o atractivo do destino. O lema do proxecto, "A Mariña. Galicia de Corazón", busca reforzar a identidade deste territorio como un lugar único e acolledor.
As actividades, que se celebran durante as fins de semana e días festivos ata o 10 de novembro, ofrecen aos participantes a oportunidade de descubrir espazos menos coñecidos, tradicións culturais e manifestacións etnográficas e artesanais da Mariña. Ademais, algúns percorridos inclúen experiencias diferenciadoras como degustacións, teatralizacións e visitas a museos e produtores locais.
Apoio á sostibilidade e novidades
Un dos aspectos máis destacados deste proxecto é o seu compromiso coa sostibilidade. A empresa Volta Montana destinou parte dos ingresos do programa do pasado ano á contribución aos obxectivos ambientais, medindo a pegada de carbono xerada polos participantes. Ademais, fíxose unha doazón á Asociación Rebinxe, que traballa pola recuperación da biodiversidade na Serra do Xistral.
Outra novidade desta edición é a entrega de botellas reutilizables aos participantes, co obxectivo de reducir o uso de plásticos e promover un turismo máis sostible. Este xesto forma parte da nova imaxe de marca da Mariña, que busca concienciar aos visitantes sobre as boas prácticas medioambientais.
Rutas
O calendario de actividades inclúe rutas como “Auga e milagres no Ermo” en Barreiros, “O tesouro escondido” en Alfoz, ou a ruta polos cemiterios indianos de Ourol. Tamén destacan visitas temáticas como “Mondoñedo: a Dios rogando, con el mazo dando” e “Da horta ao mar, vila comercial” en Ribadeo, así como un percorrido pola Serra do Xistral no Valadouro.
Barreiros e Alfoz serán as seguintes paradas das rutas e visitas guiadas de outono da Mancomunidade. O vindeiro sábado, 19 de outubro, Carmen Delia (La Guiateca) guiará a ruta Auga e milagres no Ermo, en Barreiros. Os asistentes visitarán os arredores de Santo Estevo do Ermo e a súa cascada para coñecer a historia das súas augas e as crenzas milenarias entorno a elas. E o domingo, día 20, Ana Pena (Guía Tu día) achegará aos participantes ao tesouro escondido de Alfoz, onde terá lugar unha visita teatralizada por Castrodouro, que rematará cun obradoiro de cestería.
Aínda quedan prazas dispoñibles para as actividades da vindeira fin de semana. O prezo será de 5 euros para individual; 8 euros para parella; 12 euros para familias ou grupos de ata 5 membros. A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase a través da web de Turismo de A Mariña Lucense.
Mes de Outubro
-
Sábado 19 - Auga e milagres no Ermo
Barreiros. Con Carmen Delia. -
Domingo 20 - O tesouro escondido
Alfoz. Con Ana Pena. -
Sábado 26 - Parroquia de Lieiro (Cervo), onde se unen o liño e o mar
Con Noela Feal. -
Domingo 27 - Sabor a mar
Foz. Con Ana Pena.
Mes de Novembro
-
Venres 01 - A sorprendente natureza da Serra do Xistral
O Valadouro. Con Boris Vilar. -
Sábado 02 - Mondoñedo: a Dios rogando, con el mazo dando
Con Noela Feal. -
Sábado 02 - Da horta ao mar, vila comercial
Ribadeo. Con Carmen Delia. -
Domingo 03 - Lendas, paisaxe e cultura
Lourenzá. Con Carmen Delia. -
Sábado 09 - Ruta polos cemiterios indianos de Ourol
Con Noela Feal. -
Sábado 09 - Forxados a lume
A Pontenova. Con Ana Pena. -
Domingo 10 - Cando a biodiversidade se fai dona do patrimonio industrial
Viveiro. Con Boris Vilar. -
Domingo 10 - As bondades da natureza
Riotorto. Con Ana Pena.
Os prezos das rutas son accesibles, con tarifas de 5 euros para individuais, 8 euros para parellas e 12 euros para familias ou grupos de ata 5 membros. Para reservar praza, os interesados poden consultar esta web.
Con iniciativas como esta, a Mancomunidade de Concellos da Mariña segue apostando por un turismo de calidade, sostible e respectuoso coa súa contorna, poñendo en valor o seu patrimonio natural e cultural durante todo o ano.