O Vendaval Fest encheu Ribadeo de música nesta fin de semana. A segunda edición do festival ribadense tivo a O’Funkillo e La Fuga como cabezas de cartel nunha cita que se completou con bandas como Baja California, Familia Caamgno, Superfuzz, Ninetines Rock The Machine, Corazones Eléctricos, Dixebra, Os John Deeres, Remakers e Superglú. Unha clara aposta por bandas galegas emerxentes xunto a nomes consolidados no panorama rock estatal.
Aquí Diario estivo presente neste evento e falou co deputado da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo Daniel García, quen dixo que «o Vendaval Fest demóstranos que veu para quedarse na axenda do verán da Mariña e que atrae xa a referentes estatais». Para a Vicepresidencia da Deputación de Lugo é prioritario «dar apoio ás propostas culturais e de ocio que se achegan a todos os concellos da provincia, e facelo de xeito estable e continuado para que poidan traballar con certezas».
A área de Mocidade, que tamén colaborara na primeira edición do festival, mantén o apoio á iniciativa da asociación Catro Caños, para contribuír a consolidar esta cita musical na axenda do verán. Daniel García valorou "o traballo do colectivo ribadense para organizar esta segunda edición" e sinalou que para a Vicepresidencia da Deputación é unha prioridade "dar apoio ás iniciativas que parten do tecido asociativo, porque entendemos que a fortaleza do asociacionismo é fundamental para o dinamismo cultural e social".
Tamén vinculou a colaboración co Vendaval Fest co obxectivo de reforzar a presenza das bandas galegas ou da música en galego nos carteis dos festivais. "Cremos que é importante aproveitar este crecemento dos festivais para que iso supoña máis oportunidades tamén para a música en galego. E para a normalizacion do galego nos espazos de socializacion da mocidade".
Familia Caamagno, Superglú ou os ribadenses Remakers foron parte do cartel do festival, que contou tamén con destacadas bandas do panorama estatal como O’Funkillo e La Fuga. Ademais de música, o Vendaval Fest contou cun mercado, foodtrucks e un espazo de acampada acondicionado para os asistentes.